DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As achegas poden depositarse na entrada do edificio de Ciencias Experimentais

A comunidade universitaria inicia a recollida de axuda humanitaria para Ucraína

Principalmente precísanse produtos de hixiene, de primeiros auxilios e comida non perecedoira

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Cultura
M. Del Río DUVI 03/03/2022

A comunidade universitaria comeza a mobilizarse estes días para facer fronte á crise humanitaria que está a sufrir Ucraína e que comeza a estenderse polas fronteiras deste país tras a saída masiva dos seus cidadáns e cidadás. Dende onte, o edificio de Ciencias Experimentais habilitou un espazo para a recollida de material de axuda humanitaria para Ucraína, principalmente comida, produtos de hixiene e de primeiros auxilios. 

Esta iniciativa xurde da investigadora do Centro de Investigación Mariña Estefanía Paredes, que foi quen implicou aos decanatos das tres facultades que comparten o edificio: Ciencias do Mar, Bioloxía e Química. Coa colaboración de toda a comunidade universitaria o obxectivo é “axudar a todas as familias con material de primeira necesidade, que xa escasea tanto no interior de Ucraína como nas fronteiras onde se acumulan os refuxiados”. Respecto do tipo de axuda que se precisa, aínda que nun primeiro momento se solicitaba roupa de abrigo, mantas, gorros, etc. agora mesmo o prioritario é contribuír con material de hixiene como toallas, compresas e tampóns, xabón, cueiros, etc. Tamén se precisa material sanitario de primeiro auxilios como vendas, apósitos adhesivos, auga osixenada, esparadrapo, betadine, soro en po, etc. Así, mesmo, como engade a investigadora “tamén nos comunicaron que fan falla outro tipo de produtos como tesoiras, pilas, velas ou lanternas”. No que respecta á comida, demándanse produtos non perecedoiros, como conservas, evitando sempre empregar envases de cristal.

Con todo, como recoñece Estefanía Paredes, “recoller axuda non é o problema, xa que todos somos moi xenerosos dadas as circunstancias, o problema é facela chegar á fronteira con Ucraína”. Este proceso realizarase a través de Fundiciones Rey, unha empresa de Vilagarcía con lazos comerciais e industriais con empresarios ucraínos. Os responsables da compañía puxeron en marcha unha campaña solidaria e están a prestar as súas instalacións para almacenar todo o material que se poida recoller e que enviarán camións cara a fronteira con Polonia. Está previsto que o primeiro deles saia esta fin de semana, unha vez complete toda a súa capacidade, e a próxima semana volverá a repetirse a operación co material que se vaia recibindo nos vindeiros días. Unha vez alí, a axuda distribuirase entre as e os refuxiados que cruzaron a fronteira e tamén entre as colas de persoas que agardan para facelo, explica Paredes, sempre en colaboración coas ONG e entidades que traballan prestando axudas ás persoas refuxiadas.

Colaboración do alumnado 

Como explica o decano de Ciencias do Mar, Miguel Ángel Nombela, tamén o estudantado das tres facultades está implicado nesta iniciativa solidaria. A través das delegacións de alumnado encargaranse de seleccionar e distribuír o material en caixas de forma adecuada antes que o recollan para a súa posterior distribución.