DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de Juan Manuel de Faramiñán, un dos maiores expertos españois nesta materia

A comunidade universitaria ponse ao día en ‘dereito ultraterrestre’ e diplomacia espacial

A charla, organizada desde a Área de Dereito Público Internacional, foi retransmitida por UVigoTv

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 06/11/2020

Dereito ultraterrestre, diplomacia espacial, Axenda Espazo 2030... estas foron algunhas das cuestións sobre as que xirou a conferencia que este venres impartiu Juan Manuel de Faramiñán Gilbert, un dos maiores expertos españois nesta materia, ao alumnado das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e Dereito e que foi retransmitida a través de UVigoTv, dado o interese destas cuestións para a comunidade universitaria en xeral. Presentouno a Belén Sánchez Ramos e moderou o debate posterior Laura Movilla, profesoras ambas da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais.

Catedrático emérito da Universidad de Jaén; director emérito das Redes de Universidades Latinoamericanas e do Caribe sobre Políticas, Tecnoloxía, Ciencia e Dereito do Espazo Ultraterrestre (ReLaCa Espacio) e árbitro da Corte Permanente de Arbitraje de La Haya en materias de espazo ultraterrestre, de Faramiñán Gilbert fixo fincapé na súa intervención en que a día de hoxe a diplomacia espacial vaise desenvolver, sobre todo, no seo do COPUOS, a Comisión sobre a Utilización do Espazo Ultraterrestre con Fins Pacíficos, posta en marcha en 1959 como un órgano subsidiario da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas. “Este organismo segue sendo o centro da gobernanza mundial das actividades no espazo ultraterrestre”, salientou o experto, quen forma parte deste órgano como representante asesor do goberno español, ao tempo que loou a ampla variedade de membros que compoñen as súas comisións, “algo fundamental para o intercambio de experiencias e para xerar entre todos unha maior sinerxía”. 

A Axenda Espazo 2030 “vai marcar un cambio importante”

Con respecto á Axenda Espazo 2030 o experto salientou que é evidente que “vai marcar un cambio importante nas actividades espaciais e xerará un novo prototipo de gobernanza”, pois este documento pon de relevo a importancia dos elementos de cooperación rexional e interrexional en todas as actividades espaciais. Nesta liña, lembrou como no marco desta axenda tamén se formulan preocupacións intrinsecamente relacionadas cos riscos que xeran as actividades espaciais e búscanse solucións equitativas que vaian en beneficio e interese da humanidade no seu conxunto..

Na súa intervención non se esqueceu tampouco de mencionar a denominada brecha espacial, moi semellante á coñecida brecha tecnolóxica, e que divide aos países entre aqueles que desenvolven tecnoloxía punta e os que non o fan. A isto agregoulle ademais que son xa moitas as empresas particulares que, “con todo o dereito do mundo”, teñen xa maior tecnoloxía que os propios estados, con quen colaboran, e isto será “un tema que haberá que revisar”.

Vertebrada en catro eixes “estratéxicos e transversais”

Respecto á estrutura da axenda, o xurista explicou que o documento se vertebra en catro eixes “estratéxicos e transversais”. O primeiro deste eixes é a denominada economía espacial, que busca o desenvolvemento de beneficios económicos derivados do espazo; o segundo, a sociedade espacial, que procura a promoción de beneficios de carácter social provenientes das actividades do espazo, “buscando resultados prácticos ao servizo da saúde mundial”; en terceiro, a accesibilidade espacial, o acceso do espazo a todos os estados, xa sexan desenvoltos ou aínda en vías de desenvolvemento, “sen discriminacións económicas ou tecnolóxicas” e, en cuarto lugar, a diplomacia espacial, que, ao seu xuízo, non sería outra cousa que o fomento da creación de alianzas entre os estados de gobernanza global e o fortalecemento da cooperación internacional.

Firme defensor de que o espazo ten que ser motor do desenvolvemento sostible 

Firme defensor de que o espazo ten que ser motor do desenvolvemento sostible, o experto avogou porque o obxectivo debe ser implicar nesta cuestión ao maior número posible de estados, “sexan ou non países desenvoltos, xa que o máis importante é conseguir unha alianza espacial mundial polo desenvolvemento sostible”. Neste senso, defendeu a necesidade de crear unha organización ou alta autoridade encargada dos asuntos espaciais, “outra guerra sobre a que tamén haberá que traballar moito”. Neste sentido tamén fixo referencia a que o libre acceso ao espazo implica unha dobre vertente: por unha banda, o acceso físico ao espazo, “que non está ao alcance de todos os estados” e, da outra, o acceso aos datos que alí se obteñen.

No marco da diplomacia espacial o relator salientou que se está a implementar un novo campo de acción, facendo referencia así non só ao reforzamento dos mecanismos existentes, senón tamén á creación de outros novos no ámbito da cooperación internacional. Neste senso, chamou a atención sobre a necesidade de que este modelo se rexa polas normas e os tratados vixentes do Dereito Internacional Público e teña sempre como obxectivo facer fronte aos desafíos comúns da humanidade, “creando alianzas construtivas baseadas no coñecemento”. Entre estes desafíos comúns da humanidade, de Faramiñán situou á propia pandemia provocada pola covid, “pero virán outros nos que os humanos deberemos estar máis unidos que nunca”.