DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor do CSIC Marco-Contelles explicou o seu traballo sobre fármacos con 'moléculas multipotent

A comunidade universitaria ponse ao día nos últimos avances no tratamento do Alzheimer

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 26/01/2011

A investigación na enfermidade do Alzheimer é a base do traballo que está a realizar José Luis Marco-Contelles, profesor do Laboratorio de Radicales Libres y Química Computacional do Instituto de Química Orgánica General (CSIC-Madrid). O seu grupo está obtendo resultados positivos, aínda que de momento só in vitro, coa utilización de moléculas multipotentes, é dicir, “que actúan en dous ou máis receptores presentes no Alzheimer. Esta é a principal novidade que introducen na investigación desta enfermidade, xa que ata agora “a farmacopea existente para tratalo só restauraba os niveis de acetilcolina como neurotransmisor”.

O seu traballo, do que falou nunha conferencia impartida este mércores na Facultade de Química, céntrase no desenvolvemento das tacripirinas, “moléculas híbridas capaces ademais de bloquear a entrada de calcio, que na enfermidade está desregularizada”, explica. Trátase de moléculas únicas, “non son dúas fusionadas, é unha formada por xustaposición de tacrina e dihidropiridina, e nos estudos in vitro están dando resultados”, recalca Marco-Contelles. De todos os xeitos á conclusión á que chega é moi sinxela: “Estamos traballando, pero aínda estamos empezando”.

Nun momento no que están no punto de mira os recortes en I+D+i, o profesor do CSIC quere “ser heterodoxo. A situación é mala pero non catastrófica”. Dese o seu punto de vista hai que traballar "co que temos, incluso máis, porque aínda se pode traballar”, explica Marco-Contelles, quen recoñece que o que hai que facer é buscar nichos de diñeiro, “que os hai”, e ter as ideas claras. As farmacéuticas ou os programas europeos son, ao seu parecer, as fontes de financiamento ás que se debe recorrer partindo da base de que “o investigador ten que mollarse. Traballemos máis e deixemos de chorar”, recalca.

Vigo, competitiva a nivel internacional

Esta non é a súa primeira visita á Universidade, na que formará parte dun tribunal de doutoramento, polo que coñece a realidade da investigación en Vigo.“O Departamento de Química Orgánica, por exemplo, é novo, pero comparativamente, a nivel cualitativo, pódese dicir que está por riba doutros con maior tradición”, asegura o investigador. “Aquí faise moi boa química”, sentencia. “Hai xente con ganas de facer cousas e pódese ver que o que se inviste estase aproveitando”, explica referíndose tanto aos éxitos recollidos pola investigación como ás novas dotacións que se están a construír no campus.