DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comunidade universitaria, a primeira en tomar a ruta de San Rosendo

Preto de 70 persoas percorrerán 21 quilómetros do camiño cos Roteiros Culturais

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noemí Rey DUVI 05/11/2010

Non leva nin dúas semanas aberta ao público e os Roteiros Culturais xa a van inaugurar este sábado 6 de novembro. O segundo dos 11 percorridos que levará a cabo este curso o Servizo de Deportes estreará en grupo unha ruta posta en marcha pola Fundación Curros Enríquez, 35 quilómetros entre Celanova e a ponte romana de Ourense dos que os preto de 70 camiñantes de Vigo, Pontevedra e Ourense que farán a ruta coa Universidade só farán 21. “É unha paisaxe á que non estamos afeitos, moi aberto e con panorámicas amplas. Aquí en Galicia somos máis de distancias curtas”, asegura José García Calvo, coordinador do roteiro.

Trátase dun camiño con algunhas zonas de maior dificultade que o seu punto de partida no campus de Ourense ás 09.00 horas para visitar A Valenzá, A Mezquita e a Ermida das Marabillas. Desde alí un autobus recollerá aos participantes para levalos a coñecer Vilanova dos Infantes e intentar estár de volta a partir das 17.00 horas.

Dos preto de 251 quilómetros que se percorrerán coas 11 propostas dos Roteiros Culturais unha boa parte discorrerá pola provincia de Pontevedra. Entre as novidades están 8 rutas como a que estrean este 6 de novembro que irán subindo en dificultade co paso dos meses, xa que “a xente aínda non está en forma”. A vindeira cita será a Ruta Penama de Allariz cun percorrido polos museos do coiro, xoguete, textil e xardíns o 20 de novembro.