DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comunidade universitaria será homenaxeada cun partido de baloncesto no pavillón Paco Paz

O encontro terá lugar o vindeiro mércores ás nove da noite

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 18/10/2010

Coa intención de seguir achegando o deporte á comunidade universitaria, todos os seus membros están invitados a asistir de balde ao partido de baloncesto que na súa homenaxe enfrontará o vindeiro mércores aos clubes Aguas de Sousas e o Basket Tarragona.
A cita terá lugar ás nove da noite no pavillón Paco Paz, onde habitualmente desputa os seus encontros o Clube Ourense Baloncesto, COB, encargado de organizar o evento en colaboración coa Universidade. “PDI, PAS, estudantes, decanos, representantes de asociacións de alumnos e o resto de membros da comunidade teñen as portas abertas”, tal como afirma María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense e encargada de presentar o acto. De feito, a única condición para entrar ao estadio é presentar o carné universitario.

O obxectivo desta iniciativa é “promocionar a actividade física como un elemento máis da formación intergral que a Universidade debe ofrecer, tanto ao alumnado como á sociedade en xeral”, segundo comenta Lameiras, que engade que “ao mesmo tempo tratamos de ofrecer unha alternativa de ocio saudable e beneficiosa para a xuventude”. Para isto, dende a súa vicerreitoría manteñen contactos con diversas asociacións deportivas da cidade, entre elas, o propio COB e o CB Feminino Pavillón Ourense. O campus dá, deste xeito, un novo paso na súa procura dun maior contacto coa cidade e cos seus habitantes que, por suposto, tamén poden acudir ao encontro.

Carné de socio universitario

A presentación deste partido serviulle ao presidente do COB, Jorge Bermello, para informar aos estudantes da posibilidade de obter un carné que lles dará derecho á entrada a tódolos encontros da tempada por un prezo de sesenta euros, ademais de recibir unha bufanda como obsequio. Quen así o desexe poderá facerse socio presentando o documento que o identifique como membro da comunidade universitaria nas oficinas da entidade deportiva ou no stand que o COB manterá ata este mércores nas instalaciones do campus.