DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O colectivo '15-M Indígnate Pontevedra' trae ao campus unha nova edición de 'Pontevedra Pregunta'

A comunidade universitaria someterá a exame aos candidatos por Pontevedra ás eleccións autonómicas

CCSS e da Comunicación acollerá a vindeira semana catro encontros con 15 partidos políticos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 04/10/2012

Co obxectivo de achegar a comunidade universitaria aos programas electorais dos partidos políticos que se presentan ás vindeiras eleccións autonómicas do 21 de outubro, o colectivo 15-M Indígnate Pontevedra trae ao campus unha nova edición de Pontevedra Pregunta, un encontro "fronte a fronte" da cidadanía cos candidatos para o que conta coa colaboración do alumnado de Dirección e Xestión Pública. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá a vindeira semana este encontro “que vinculará ao estudantado coa realidade social existente e que de seguro se enriquecerá do ambiente crítico da Universidade”, explica Estela Baleirón, alumna do grao que presta a súa colaboración a este movemento cidadán.

Como estudante de Dirección e Xestión Pública interesada polo transcorrer da vida política, Baleirón decidiu axudar a 15-M Indígnate Pontevedra con estas xornadas “pola miña condición de cidadá chamada a votar e tamén porque é unha práctica democrática que favorece o diálogo da sociedade co electorado”, engade. Por outra banda, considera que este tipo de actos poden conseguir espertar o interese da xente máis nova para que se implique na vida política. “Estou convencida de que os alumnos e alumnas debemos participar dunha forma activa, non falo de afiliacións, pero si de loitar por un modelo máis representativo”.

Toda unha semana de debate

Como explica o colectivo 15-M Indígnate Pontevedra, verdadeiro impulsor desta iniciativa na cidade, este encontro pretende ofrecer á cidadanía unha oportunidade para poder preguntar directamente aos representantes dos poderes políticos sen intermediarios, fomentando a participación activa e dinámica. Repiten tralo éxito da primeira edición celebrada con motivo das eleccións xerais do pasado 20 de novembro. Do 8 ao 11 de outubro de 19.00 a 21.30 horas participarán no encontro 15 agrupacións políticas que se presentan por Pontevedra ao Parlamento de Galicia. Repartidos en catro xornadas, os representantes políticos terán cinco minutos para expor o seus programas electorais e obxectivos para logo dar paso á quenda de preguntas por parte do público asistente, tras o cal os candidatos terán 90 segundos para responder.

A II xornada de Pontevedra Pregunta comezará o luns 8 de outubro coas intervencións de Alternativa Galega de Esquerda, Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE e de Unión Progreso e Democracia. O martes será a quenda de Centro Democrático Liberal, Partido Popular, PCPE e Partido da Terra. O mércores debaterán o Bloque Nacionalista Galego, o Partido Animalista Contra el Maltrato Animal, o Partido Anticapitalista e Sociedad Civil y Democracia. O xoves pecharán as intervencións Compromiso por Galicia, Falange Española de las J.O.N.S, Escanos en Branco e Unificación Comunista de España.