DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na reunión da Comisión Mixta Concello-Universidade abordouse tamén a humanización do campus

O Concello comprométese a axilizar os trámites para materializar a cesión do edificio da ONCE en tres meses

Segundo Teresa Casal poderíase contar cunha residencia no vindeiro curso académico

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 15/01/2010

Hoxe tivo lugar a reunión mensual da Comisión Mixta Concello-Universidade, que tiña como orde do día a cesión do edificio da residencia da ONCE e a humanización da rede viaria do campus. Ao remate da xuntanza, a concelleira de Urbanismo, Teresa Casal, en calidade de presidenta da comisión, anunciou en rolda de prensa o compromiso municipal de cara a axilizar aos trámites pertinentes para a permuta do edificio e poder deste xeito materializar o convenio de cesión temporal de uso á Universidade nun prazo de tres meses.
A Universidade quere destinar este edificio a unha residencia de estudantes, con salas de estudo e de informática de uso continuo na planta baixa. Aproveitando que nas instalacións xa existe un ximnasio, valórase tamén a posibilidade de encadrar nel algunhas funcións deportivas. Unha vez formalizada a cesión e analizadas as necesidades de acondicionamento, o obxectivo é que o campus de Pontevedra poida contar cunha residencia no vindeiro curso académico, tendo en conta que a oferta de prazas se debería realizar no verán. Teresa Casal afirmou que “se pode chegar a tempo” e a permuta “é doada por canto xa está aprobada a modificación puntual dos terreos e as valoracións dos dous bens permutables”. Sinalou que o expediente “xa está en trámite no concello e que, malia que está pendente dos informes perceptivos, non debería levar moito tempo”. Aludiu ao segundo paso, a cesión de uso temporal á Universidade, como un procedemento sinxelo, que pasa pola sinatura dun convenio.

Peonalización do espazo viario do campus

No tocante ao segundo punto da orde do día, a humanización do campus, formulouse unha actuación tanto no espazo viario interior como nos viais de entrada e perimetrais para a súa peonalización e acondicionamento con zonas de paseo. Concretamente, falouse da posibilidade de executar un sendeiro con pérgola con servizo tanto para as facultades como para os colexios e institutos localizados nesta área. Neste caso Teresa Casal indicou que as xestións administrativas son máis complexas e levarán máis tempo, pois significa unha modificación do Plan Especial de Reforma Interior (PERI). Como alternativa o Concello propón estudar a posibilidade de incluílo no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Así mesmo, tratáronse outros trámites de rutina, como a solicitude e aprobación de licencias pendentes, entre outras, a da segunda fase da cuberta do pavillón de Ciencias da Educación e do Deporte e a necesaria para a instalación de paneis de enerxía solar fotovoltaica na Escola de Enxeñaría Técnica Forestal.
A Comisión Mixta Concello-Universidade constituíuse no pasado mes de outubro co obxectivo de desenvolver conxuntamente os proxectos urbanísticos comúns, fin para o que se estableceu unha reunión ordinaria mensual. A súa composición é paritaria no número de membros por ambas partes. Intégrana, por parte da Universidade, Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, directora da Área de Planificación e Coordinación, Ángeles Hermida, vicexerente do campus, que actúa como secretaria, e María José Fariña, arquitecta responsable da Unidade Técnica. Por parte do Concello figuran, ademais de Teresa Casal, Margarita Castejón, concelleira de Benestar Social e Patrimonio, Xosé Manuel Tato, director xeral da Área de Urbanismo, e Carlos Velasco, arquitecto municipal.