DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Á espera dos trámites xurídicos, a Vicerreitoría comezará a facer o seu estudo de uso

O Concello ‘entrega as chaves’ do Edificio da ONCE á Universidade

Cunha extensión de máis de 4500 metros cadrados, a residencia albergará 101 prazas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 30/03/2011

A Comisión mixta formada polo Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo volve dar outro paso máis na consecución do proxecto da residencia de estudantes para o campus de Pontevedra no antigo edificio da ONCE. Tras a sinatura a semana pasada da acta notarial de permuta na que a ONCE cedía a súa propiedade ao Concello, “agora ábrese a segunda fase coa entrega de chaves á Universidade, para que poida levar a cabo esa desexada residencia de estudantes”, puntualizou a concelleira de Urbanismo, Teresa Casal.

Na reunión, a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, alegrouse “de ter por fin a residencia á nosa disposición”, pero a búsqueda de fórmulas xurídicas que permitan ao Concello ceder o edificio á Universidade retrasará a entrega oficial do mesmo. A concelleira de Urbanismo recalcou o seu compromiso de axilizalo o máximo posible. Mentres duren estes trámites administrativos, a Vicerreitoría “irá avanzando camiño” na rehabilitación do Edificio da ONCE. Como ben apuntou Antonia Blanco “entraremos nel para facer o estudo de usos e a futuro deseño da distribución de espazos co persoal necesario para idear o mellor posible os lugares para as distintas actividades que vai acoller", como as deportivas e de saúde, abandeiradas pola Facultade de Fisioterapia ou usos culturais “con salas de estudo e ordenadores”. Ao mesmo tempo pecharase o proxecto de obra “que se basea na rehabilitación da cuberta e de todo o envolvente, que en realidade é o que máis tempo vai levar”, puntualizou Antonia Blanco.

A futura residencia ofertará 101 prazas

Cunha extensión aproximada de 4600 m2, a futura residencia de estudantes do campus pontevedrés ofertará 101 prazas, distribuídas entre estudantes, PDI e PAS. En canto aos prazos de execución, a vicerreitora deixou claro “que todo dependerá do financiamento”, pero estimou que a primeira fase de obra, que inclúe cuberta e fachada, comecen “o ano que vén para rematar en verán para que estea en funcionamento dentro de dous cursos académicos”. O total da obra suporía un investimento aproximado de un 1.700.000 euros e máis 300.000 de mobiliario.

Achegamento á cidadanía pontevedresa

Ademais debateuse a posibilidade de ceder algún espazo da futura residencia á Asociación de veciños de Campolongo, proxecto coa que a Vicerreitoría se amosou totalmente a favor porque deste xeito “estaremos a carón da cidadanía pontevedresa consolidando o noso compromiso de transferencia de coñecemento a través de cursos, formación, deporte, saúde..”, explicou Blanco.

Os terreos de Tafisa tamén foron punto do día da xuntanza, na que a concelleira Teresa Casal aproveitou para confirmar a adxudicación definitiva á empresa que vai proceder aos deslindes do terreo para que a Universidade “dispoña da súa parcela e poder facer o levantamento topográfico, e a continuación o proxecto básico e de execución”.

Tras a reunión, tanto a Vicerreitoría como o Concello de Pontevedra quedaron en continuar coa redacción do borrador que converterá o protocolo acordado entre as dúas institucións “no convenio final que inclúa os proxectos Casa das Campás, Tafisa e ONCE”, concluíu Casal.