DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitor e alcalde participaron este xoves nunha primeira xornada de traballo

O Concello de Lalín busca ideas na Universidade para mellorar a economía da comarca

Creáronse seis comisións de expertos en temas que van do aforro enerxético ao impulso do turismo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 03/03/2011

Mellorar a economía de Lalín e a súa comarca. Este é o obxectivo do proxecto de colaboración conxunto que hoxe botou a andar entre o Concello de Lalín e a Universidade de Vigo. En total son seis comisións de expertos as que hoxe se puxeron mans á obra para acadar a posta en marcha de distintos proxectos en ámbitos como enerxías renovables e aforro enerxético, promoción do sector textil, política municipal, agroindustria, mellora das telecomunicacións e impulso ao turismo.

Ante a grave situación de crise económica que estamos a vivir, o concello de Lalín traballa na busca de novas alternativas que sustenten a economía do municipio e permitan continuar na senda de progreso e modernización que vivimos nos últimos anos” asegurou o alcalde José Crespo trala xuntanza de traballo que tivo lugar no Parque Empresarial Lalín 2000 e na que estivo acompañado polo reitor, Salustiano Mato, que fixo fincapé na necesidade de “traballar para conseguir beneficios non só para esta zona norte da provincia de Pontevedra, senón para toda Galicia", salientou o reitor.

Xunto a eles participaron nesta primeira xuntanza de traballo, na que se incluíu tamén unha visita ás novas instalacións do concello, preto de trinta expertos que levaron a cabo a constitución das mesas de traballo sobre os distintos sectores a estudar para a aplicación de novos proxectos no concello lalinense.

Enerxías renovables e aforro enerxético

A comisión de enerxías renovables e aforro enerxético contou coa presenza do vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán; do catedrático de Enxeñería Eléctrica, José Cidrás; do director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez e do presidente da Asociación de Empresarios de Deza, Alejandro Campos. O obxectivo: redactar un plan no que se concreten as medidas correctas que se deberían tomar para conseguir un aforro económico que reverta nas contas dos diferentes entes locais. Neste sentido afondouse na posibilidade de implantar plantas de biogás aproveitando así o purín producido nunha zona de alta densidade gandeira como a do Deza. Ademais, nesta comisión tratouse tamén a opción das plantas de biomasa e a necesidade da posta en marcha de Mix-enerxéticos para as explotacións gandeiras.

Sector téxtil e agroindustria

Referente do sector téxtil en toda Galicia, a colaboración neste eido traerá consigo a formación de profesionais en ámbitos como comercio, administración e dirección de empresas, relacións laborais e recursos humanos. Os profesores Carlos Prado e Xosé Henrique Vázquez formarán parte dunha mesa de traballo na que, entre outros, contará tamén coa participación de Florentino Cacheda, presidente de Florentino SL.

Nun concello con eminente carácter agrícola e gandeiro, a Universidade, da man do profesor Xavier Simón, e Concello, coa participación do concelleiro e varios empresarios do sector, traballarán man a man no estudo e valoración de novas fórmulas de xestión das explotacións gandeiras, así como na busca de novos produtos que poder ofertar aos consumidores.

Telecomunicacións e turismo

Coa participación da directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo; a directora de Atlantic, Nuria González; o presidente de Gradiant, Fernando Pérez e numerosos expertos municipais, elaborarase un estudo no que se valorarán as posibilidades actuais e futuras para lograr que os residentes no rural poidan gozar das mesmas prestacións tecnolóxicas cas persoas que viven no ámbito urbano. Neste sentido, os expertos puxeron de relevo a deficiencia na rede básica de comunicacións do rural e apostaron por solventar esta fenda dixital achegando as infraestruturas necesarias.

No relativo ao impulso do turismo será a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, da man da decana Elisa Alén, xunto co concelleiro Nicolás Varela e representantes da hostalaría, os encargados de elaborar un plan no que se oriente as accións promocionais que deben levarse a cabo, tendo en conta as potencialidades deste municipio do interior de Galicia. Precisamente, os investigadores puxeron de manifesto a oportunidade que supoñen as ferramentas 2.0 para a promoción de eventos tan importantes para Lalín como a Festa do Cocido. Tamén apostaron pola posta en marcha dunha web especifica sobre o turismo na comarca, como un pulo de atracción da Galicia interior.

Política municipal

Este foro reúne tamén expertos arredor da xestión municipal nunha comisión que integran Luís Domínguez, profesor de Historia Contemporánea e, por parte do Concello, Román Rodríguez, deputado autonómico e concelleiro de Urbanismo e Salvador González, coordinador xeral do Concello de Lalín. Neste eido a aposta clara é pola eficiencia e puxeron de manifesto os importantes beneficios da e-administración así como a optimización dos recursos humanos. As conclusións desta comisión apuntan cara a agrupación de servizos mediante o establecemento de indicadores demográficos, sociais, económicos, etc “que permitan fixar umbrais de sostenibilidade dos servizos e da súa prestación polos concellos, tendo en conta a singularidade da sociedade galega e os custos que supón a dispersión da poboación relacionado coa ordenación do territorio e á configuración dos municipios”.