DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu alcalde presentou o 'XIX Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro' no campus

O Concello de Lalín outorga 1000 euros ao mellor traballo académico gastronómico de España

Poderá participar alumnado de Comunicación Audiovisual, Xornalismo e de Publicidade e Relacións Públ

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 19/11/2012

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este luns a presentación da XIX edición do Premio nacional de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro organizado polo Concello de Lalín ao abeiro da Feira do Cocido co obxectivo de fomentar a difusión da cociña galega e para premiar o labor realizado por xornalistas e escritores sobre esta temática. Dos 5000 euros destinados para os galardóns, 1000 resérvanse para o mellor traballo académico sobre gastronomía e que estea realizado por alumnado de Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou de Publicidade e Relacións Públicas de toda España. “Destinar esta dotación económica a un proxecto académico coa que está caendo é todo un mérito e un exemplo a seguir de cara o futuro”, declarou Juan Manuel Corbacho, decano da facultade, que estivo acompañado na presentación polo alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, e polo concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández.

O decano do centro agradeceu aos representantes do concello que tiveran en conta aos estudantes de Comunicación Audiovisual, Xornalismo e de Publicidade e Relacións Públicas para estes premios, “unha maneira intelixente de outorgar valor ao labor de comunicación, moitas veces esquecido”, apuntou. Calquera estudante interesado en participar terá ata o 12 de xaneiro de 2013 para presentar o seu traballo que deberá estar acreditado por un docente do seu centro de estudos. Poderá concorrer con proxectos pensados para prensa, radio, televisión ou web sempre e cando teñan como tema principal a gastronomía.

O Concello e os demais organismos e institucións que impulsan estes premios decidiron manter esta modalidade tras a súa implantación no pasado ano “pola excelente acollida que tivo”, comentou Rodríguez Fernández, aínda que nesta edición esperan unha maior participación de alumnado de Galicia. “Queremos que as facultades de comunicación da comunidade formen parte deste proxecto”, engadiu o alcalde, de aí que este ano, “os decanos das tres facultades de comunicación de Galicia formarán parte do xurado que emita este premio especial”. Estes galardóns naceron co obxectivo de mellorar a difusión da Feira do Cocido “engadindo cada vez un condimento máis que converta a este evento non só nunha festa gastronómica, senón que venda a imaxe de Lalín e da comarca do Deza”, sinalou Crespo Iglesias. O fallo do xurado darase a coñecer oficialmente nun acto programado con anterioridade á XLV Feira do Cocido, que se celebrará o 3 de febreiro de 2013.