DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato reuniuse co alcalde José Crespo

O concello de Lalín procura alternativas económicas para o municipio co apoio da Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 17/11/2010

Enerxías renovables, aforro enerxético, promoción do sector téxtil, agroindustria ou impulso do turismo, son os ámbitos nos que a Universidade de Vigo traballará dentro dun proxecto de colaboración conxunta co concello de Lalín. “Ante a ante a grave situación de crise económica que estamos a vivir, o concello de Lalín traballa na busca de novas alternativas que sustenten a economía do municipio e permitan continuar na senda de progreso e modernización que vivimos nos últimos anos” asegurou o alcalde José Crespo trala reunión mantida nas últimas horas co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que amosou o interese da institución por acadar unha maior proxección no municipio e en toda a comarca do Deza. Existen moitos lazos que nos unen e que debemos traballar para conseguir beneficios non só para esta zona norte da provincia de Pontevedra, senón para toda Galicia", salientou o reitor.
Para levar adiante os distintos proxectos constiuiranse comisións sectoriais que faciliten o traballo e a consecución de resultados que Mato e Crespo coincidiron en sinalar que terán efectos moi beneficiosos para a economía do concello e a súa poboación.

Na procura da colaboración de expertos

O turismo, sustentado polo atractivo da Feira do Cocido de Lalín e a gastronomía, ademais da riqueza medioambiental e a numerosa presenza de xacementos arqueolóxicos e bens culturais, pero tamén outros ámbitos como as enerxías renovables, o deseño industrial ou a agroindustria, foron algúns dos sectores sinalados polo alcalde José Crespo como “novas alternativas que sustenten a economía do municipio”. Ámbitos nos que se para poñer en marcha proxectos Crespo asegurou que “resulta necesario a colaboración de expertos e profesionais nas distintas materias, polo que consideramos fundamental a colaboración de entidades do prestixio da Universidade de Vigo que, a través dos seus distintos departamentos e facultades, pode axudas e orientar para poñer en marcha estas e outras iniciativas de interese económico e social para Lalín".

No seu primeiro encontro institucional Mato e Crespo abordaron as posibilidades de conseguir un mellor aproveitamento das enerxía renovables, chegando incluso a satisfacer a demanda total de enerxía dos concellos, así como as posibilidades de aforro enerxético; a fusión municipal para mellorar os servizos que se prestan aos cidadáns; a formación, organización e promoción das empresas do sector téxtil; novas fórmulas de xestión das explotacións agrogandeiras; a mellora das telecomunicacións e, por último, o impulso do turismo tendo presente as potencialidades deste municipio do interior de Galicia.