DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 9 ao 11 de setembro

O Concello de Muíños achégase ás boas prácticas ambientais cun curso de verán

Emprendemento, deportes e medios de comunicación centrarán os próximos seminarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 04/09/2009
O Concello de Muíños converterase no centro do debate do desenvolvemento sostible grazas ao curso de verán Educación ambiental e responsabilidade social que terá lugar do 9 ao 11 de setembro. Actualmente a nosa sociedade camiña cara un modelo de desenvolvemento ecolóxico e de conservación da nosa contorna natural que permita a explotación dos recursos senque iso supoña o seu deterioro. As futuras xeracións terán a responsabilidade de combinar o desenvolvemento económico eficiente coa preservación do medio natural, neste sentido a educación en boas prácticas ambientais é unha ferramenta esencial.
O curso, que se desenvolverá na Casa da Cultura, tratará de explicar, dende un punto de vista educativo e científico, as bases deste desenvolvemento ecolóxico e diferenciar os principais enfoques e modalidades da educación ambiental. Ademais, tamén ten como obxectivo promover aptitudes e fomentar o espírito crítico cara a xestión do medio ambiental e a súa influenza na natureza, valorando a grande importancia da protección dos espazos naturais protexidos, tomando como base o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Dous últimos cursos

Tan só restan dous cursos para rematar a programación de verán de Extensión. O primeiro deles, Consultoría para a innovación e o emprendedorismo, terá lugar do 21 ao 25 de setembro e o seu obxectivo é dotar aos participantes das capacidades precisas para desenvolverse laboralmente no eido das consultarías a empresas. Para rematar, do 28 ao 30 de outubro celebrarase o curso Deporte, empresa e sociedade: medios de comunicación, espectáculos deportivos e produtos turísticos que pretende amosar a vertente empresarial e económica destas actividades.

Prazas dispoñibles

Todos os seminarios contan aínda con prazas dispoñibles. Para formalizar a matrícula é preciso cubrir a ficha de inscrición e entregala xunto co xustificante de pago das taxas e unha copia do DNI en calquera Rexistro da Universidade de Vigo.
No caso do curso de Educación ambiental e responsabilidade social o prezo da matrícula inclúe o aloxamento e a manutención no albergue do concello e o transporte para desprazarse dende o campus ata Muíños.