DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 9, 10 e 11 de setembro na Casa da Cultura

O Concello de Muíños implícase co campus na organización dun curso sobre educación e xestión ambiental

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 06/07/2009

As políticas actuais tenden cara un modelo social baseado no desenvolvemento sostible e na educación en boas prácticas ambientais, o que quere dicir que as futuras xeracións terán a responsabilidade de compatibilizar o desenvolvemento económico eficiente cunha xustiza social distributiva e a conservación do medio natural. Co obxectivo de afondar, dende un punto de vista educativo e científico, nas bases deste desenvolvemento ecolóxico e diferenciar os principais enfoques e modalidades da educación ambiental, o Concello de Muíños acollerá na Casa da Cultura os días 9, 10 e 11 de setembro o curso de verán Educación ambiental e responsabilidade social.
No contexto deste seminario, intentarase promover aptitudes e fomentar o espírito crítico cara a xestión ambiental e a súa influencia na natureza, valorando a grande importancia que ten contribuír a súa conservación e a protección dos espazos naturais protexidos, tomando como base o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Tres días de educación ambiental

Ao longo dos tres días os participantes terán a oportunidade de afondar de xeito teórico na temática do curso, pero tamén haberá lugar para o descanso e o ocio. O curso comezará cunha charla na que se dará a coñecer o Concello de Muíños da man do tenente alcalde Alejandro Castro, que tamén falará da educación e o respecto ao medio ambiente como parte do noso patrimonio. A continuación, José Antonio Pérez, presidente da Asociación Medio Ambiental Universitaria SYME, afondará nos diferentes enfoques e modalidades que se poden aplicar na educación ambiental. Para rematar a sesión matutina, o director do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, José Antonio Amoeiro, ofrecerá un relatorio sobre este espazo protexido. A educación ambiental na universidade e a loita contra o lume serán os temas da tarde, relatorios que correrán a cargo de Marta Pérez, técnica da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo e Pablo Penín, responsable provincial e enxeñeiro forestal do SEAGA.
O xoves será un día para o ocio, a xornada comezará coa visita ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e ao pobo de Salgueiros e ademais realizarase unha ruta de sendeirismo pola zona protexida. Tras o xantar, o director e o xerente do grupo Caldaria, Javier Soto e Fernando Suárez, falarán do turismo termal como modelo de desenvolvemento ecolóxico. Despois do relatorio, os participantes poderán comprobar por si mesmos os beneficios do termalismo cunha visita ás instalacións do Balneario de Riocaldo.
O curso chegará ao seu fin o venres 11, día que abrirá coa conferencia de Juan Carlos Mejuto, decano da Facultade de Ciencias, que falará da química verde como estratexia para a educación no medio natural. Tras el, Francisco Leis, xerente da empresa Asesores Medioambientais, afondará na ecoloxía industrial e a contaminación atmosférica. Para rematar, o vicerreitor de Planificación da Universidade de Vigo, José Cidrás, ofrecerá unha visión de futuro apuntando no seu relatorio os novos retos enerxéticos.

Outros datos de interese

O curso conta con 50 prazas dispoñibles e todos aqueles que queiran inscribirse poderán realizalo ata o 21 de agosto. O prezo da matrícula inclúe o transporte, a manutención e o aloxamento no albergue de Muíños.
Ademais da roupa precisa para pasar os tres días, recoméndase levar indumentaria de abrigo e calzado axeitado para realizar sendeirismo, así como traxe e gorro de baño e chancletas para a visita ao balneario.