DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Concello de Pontevedra cederalle á Universidade a residencia da ONCE para cubrir as necesidades do campus

A decisión coñeceuse trala xuntanza da comisión que reúne ás dúas institucións para os proxectos urb

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
E.L. Castro DUVI 27/11/2009

O Concello de Pontevedra comunicou hoxe a próxima cesión á Universidade de Vigo do edificio residencial situado nos terreos da ONCE. Foi a tenente de alcalde e responsable municipal de urbanismo, Teresa Casal, quen deu a coñecer esta decisión despois da segunda xuntanza da comisión mixta Concello-Universidade, creada hai un mes para a realización de proxectos urbanísticos comúns. A residencia da ONCE é un edificio construído en 1991 que dispón dunha parcela de máis de 4500 metros cadrados e que a Universidade destinará a cubrir as necesidades de espazo do campus de Pontevedra.
O venres pasado aprobouse no pleno municipal o proxecto de modificación puntual dos terreos da ONCE. Con base no convenio subscrito entre esta organización e o Concello, unha vez realizada esa aprobación vaise proceder á permuta do edificio da residencia situado neses terreos por outra parcela de equipamento localizada na unidade 18 do Plan Xeral de Ordenación Urbana. A residencia pasará deste xeito a ser propiedade do Concello que, á súa vez, acordou realizar unha cesión de uso á Universidade. Esta cesión formalizarase de forma inmediata cando rematen os trámites da devandita permuta.

Outras liñas de traballo da comisión

Na reunión mantida polos representantes municipais e universitarios que integran a comisión mixta tratáronse outros temas de interese para o campus pontevedrés. Casal anunciou que na próxima comisión municipal de urbanismo, que terá lugar o vindeiro martes, aprobarase a licenza da gardería proxectada para a Facultade de Ciencias da Educación, quedando así todos os trámites cumpridos para comezar a súa construción. Nesa mesma comisión recollerase tamén a regularización da licenza da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Así mesmo, tanto os técnicos municipais como os universitarios comezarán a estudar as posibilidades para levar adiante a humanización do campus. Por último, os representantes universitarios deron conta da súa reunión co director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, para traballar na elaboración dun convenio de cesión de terreos no ámbito de Tafisa para a construción de vivendas de promoción pública destinadas a pisos en réxime de aluguer para estudantes. Existe un compromiso de acadar unha resolución neste sentido nas vindeiras semanas.