DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Concellería de Muller vén de convocar a segunda edición dos Premios Ernestina Otero

O Concello premia con 4000 euros a investigación con perspectiva de xénero no campus

O alumnado poderá presentar os seus proxectos ata o 4 de setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 10/06/2015

Fomentar a concienciación cidadá respecto da necesidade de acadar unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e pór en valor aquelas investigacións que traballan con eses obxectivos son dous dos propósitos que levaron ao Concello de Pontevedra a poñer en marcha hai un ano os Premios Ernestina Otero para a incorporación da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster. Aberta á participación do alumnado das diferentes facultades e escolas do campus, a segunda edición desta iniciativa contempla a concesión de catro premios de 1000 euros aos mellores proxectos, segundo se recolle nas bases que vén de facer públicas a Concellería de Muller.

Aberto a traballos de fin de grao e de máster presentados no presente curso por estudantes da Universidade no campus de Pontevedra, este concurso está dirixido a recoñecer aqueles proxectos que incorporen a perspectiva de xénero e promovan accións que favorezan a igualdade real, segundo se recolle nas bases desta convocatoria. Nelas, resáltase tamén que entre os obxectivos do Consello das Mulleres do Concello de Pontevedra figura fomentar a sensibilización e a participación cidadá na loita pola igualdade, dentro da que é unha “peza clave” lograr o “compromiso da comunidade educativa, xa que resulta fundamental traballar a perspectiva de xénero nas poboacións máis novas e favorecer a cohesión cidadá coa Universidade”.

Nese senso, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, salienta o valor dunha iniciativa coa que “a Universidade está moi implicada” e que ademais de afondar “nunha liña de colaboración coas institucións”, axuda tamén a “reforzar a nosa clara aposta en materia de xénero e igualdade”, ao tempo que contribúe “a poñer en valor a investigación que se realiza nese eido”. Por ese motivo, Corbacho amosou o seu desexo de que nesta segunda edición se incremente o número de traballos presentados, “xa que iso significa que aumenta a investigación con perspectiva de xénero".

O prazo de presentación manterase aberto ata setembro

Na segunda edición duns premios cos que en 2014 se recoñeceu ás egresadas Tania Ríos, Sandra Benavides e Sylvia Peceño, o prazo de presentación de proxectos manterase aberto ata o 4 de setembro. Poderán concorrer a esta iniciativa todos aqueles traballos de fin de grao e de fin de máster presentados no presente curso, incluíndo a convocatoria extraordinaria de xullo, que obtivesen unha cualificación mínima de notable.

Segundo se recolle nas bases, establécense dous premios de 1000 euros para os mellores traballos de fin de grao e outros dous premios de idéntica contía para os proxectos de fin de máster máis destacados. Non obstante, as bases tamén establecen que, no caso de quedar deserto algún dos premios en calquera das categorías, podería pasar a outorgarse na outra.

Rematado o prazo de presentación, os traballos serán avaliados por un xurado composto pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, catro representantes do Concello e cinco da Universidade, un por cada centro do campus, e os galardóns serán entregados nun acto académico no mes de outubro, no marco das actividades postas en marcha polo Concello para a promoción da igualdade.