DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade recibiu máis de 500 solicitudes para estes postos de traballo

O Concello subvenciona con 400.000 euros o plan Transforme para a contratación de 30 titulados e tituladas

Salustiano Mato e Abel Caballero asinaron o convenio entre ambas institución para a inserción labora

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 22/10/2012
Nun contexto de crise económica e cun paro xuvenil que rolda o 50%, a inserción laboral dos titulados superiores é unha prioridade tanto para a sociedade como para as propias universidades, que tratan de velar por unha primeira experiencia profesional dos seus egresados. Nesta liña, o Concello de Vigo e a Universidade veñen de asinar un convenio de colaboración que dá acubillo ao plan Transforme para a inserción laboral de 30 novos titulados e tituladas superiores. O reitor, Salustiano Mato, e o alcalde da cidade, Abel Caballero, firmaron este acordo, conforme ao cal, o concello de Vigo concede á institución académica unha subvención de 400.000 euros ao abeiro do Plan de Emprego Municipal.

O plan Transforme (Transferencia orientada á mellora do emprego xuvenil) ofrece a oportunidade a 30 mozos e mozas menores de 30 anos e titulados pola Universidade de Vigo de acceder a contratos en prácticas por un período de 6 meses. Este compromiso laboral realizarano noutras tantas empresas que colaboran en proxectos con grupos de investigación da Universidade. Trátase de que accedan á investigación e ás actividades de valorización que se desenvolven na Universidade, participando directamente nos proxectos de transferencia de coñecementos que desenvolvan, de forma conxunta, estes grupos e as compañías da contorna.

Para isto, a Universidade abriu un período para que aqueles grupos que traballan conxuntamente con empresas e estivesen interesados en contar cun destes novos titulados presentasen as súas solicitudes. Pechado este prazo, abriuse o prazo de presentación de currículos dos titulados e tituladas, coa data límite do pasado 19 de outubro. Neste tempo presentáronse 500 solicitudes de preto de 200 persoas, xa que cada unha podía presentarse a tres postos diferentes.

A prol do emprego xuvenil

Este plan de emprego pretende fomentar a empregabilidade dos egresados que desexen desenvolver o seu primeiro emprego no eido da investigación e desenvolvemento. Trátase de facilitar así a adquisición de experiencia laboral dos titulados mediante a súa incorporación a laboratorios de investigación e empresas, no marco de proxectos de transferencia de coñecemento. Ao mesmo tempo adquiren tamén competencias transversais aliñadas coas necesidades do mercado laboral no eido do I+D+i e reforzase o sistema de investigación e transferencia do coñecemento ás empresas mediante a incorporación dos titulados aos proxectos en curso.

Segundo explicaron tanto o reitor como o alcalde, esta alianza entre ambas institucións xorde polo profundo coñecemento que ten a Universidade de Vigo da situación do alumnado que vén de rematar a súa formación académica e que se atopa nunha situación de busca activa de emprego. Entre as empresas seleccionadas, todas da contorna de Vigo, destacan algunhas coma CZ Veterinaria, Rodman Poliships, Agualia, Selmark, Pescanova ou Extraco. Tamén outro tipo de entidades como Gradiant, o Centro Tecnolóxico do Granito, o Cetmar ou a Fundación Biomédica de Vigo acollerán aos beneficiarios deste plan de emprego. En xeral, predominan as ofertas para o eido das enxeñarías, tanto Industrial, como de Telecomunicación ou Informática, aínda que tamén se ofertan empregos para titulados en Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Física, Economía, Ciencias do Mar ou Química.