DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concello e Universidade comezarán a traballar despois do verán na candidatura para organizar a Universiada 2015

Ambas institucións coinciden en que Vigo gañou en peso mundial coa aposta por acoller a edición de 2

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 02/06/2008

Orgullosos, agradecidos e esperanzados amosáronse os representantes do Concello e da Universidade ao regreso da delegación viguesa de Bruxelas, onde Kazán foi elixida para organizar a Universiada 2013. O reitor, Alberto Gago, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez Olveira e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, quixeron dar as grazas á cidade polo seu apoio neste proxecto e apostaron pola candidatura de Vigo para acoller a Universiada 2015.
Gago fixo un balance positivo da experiencia e subliñou que “gañamos en termos de deporte universitario, fortalecendo o sistema deportivo universitario dentro da cidade e isto é moi importante de cara ao futuro, e xa debemos comezar a pensar en acoller campionatos mundiais universitarios”. Por todo isto, os tres coincidiron en destacar que tanto a cidade como a Universidade gañaron, a pesar de non poder organizar a Universiada do verán de 2013, xa que a experiencia adquirida será de gran importancia para eventos futuros. O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, explicou que “sobre todo queremos dar as grazas a todos, á cidade, por ser como é e por implicarse neste proxecto emocionante e por facernos sentir orgullo cando faciamos esta fin de semana a presentación en Bruxelas”.

Kazán: a gran favorita confirmouse

Domínguez Olveira felicitou en nome do concello á cidade elixida, Kazán, e explicou que era a que “estaba por encima de todos, era a gran favorita e isto confirmouse” e subliñou a posibilidade de que a votación puidese chegar a ser, incluso, por unanimidade. Pero desta experiencia a candidatura viguesa saíu reforzada e segundo Domínguez, “xa temos moito camiño andado, a cidade rusa tivo dous anos para preparar a súa proposta e sobre todo para facer contacto e ensinar o seu proxecto e iso é o que agora temos que facer nós de cara á candidatura de 2015”. Despois do verán comezará o traballo conxunto para a nova andaina, “iniciaremos de novo a batalla pero agora con máis experiencia, co proxecto xa feito e co esquema de infraestruturas definido e, sobre todo, con tempo para darnos a coñecer e chegar á vindeira decisión con bloque amarrado, como fixeron os rusos”. Nesta nova loita, é moi probable que Vigo teña enfronte a Hamburgo, Quebec ou Río de Xaneiro, cidades que xa amosaron o seu interese por acoller os xogos universitarios. A elixida darase a coñecer no verán do 2009.

A cidade, máis preto da Universidade

A experiencia da candidatura de Vigo para a Universiada 2013 deixo un pouso moi positivo entre todas as instancias da cidade. O tenente de alcalde subliñou o importante achegamento entre todos e explicou que “a cidade está agora máis preto da Universidade e a Universidade da cidade” e tamén recoñeceu a importante labor dos medios de comunicación “que se volcaron na iniciativa”.
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso agradeceu a implicación da Universidade neste empeño e apuntou que “grazas a esta iniciativa agora temos un proxecto de futuro, que sería imposible de non optar a Universidade á Universiada”. Alonso destacou tamén o importante de coñecer as necesidades reais da cidade neste eido e de poder contar xa cunha idea de futuro de cara a acoller competicións internacionais de taekwondo e iudo, “xa que estas dúas federacións se amosaron interesadas en celebrar en Vigo campionatos europeos”. Neste sentido, o reitor apuntou tamén a posibilidade de acoller importantes acontecementos mundiais de deporte universitario e subliñou que “xa contamos con contactos internacionais na xestión deportiva e universitaria” e a cidade gañou en peso mundial.