DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Escola Fermín Penzol, as Redes Escarlata e a Asociación Xente Nova

O concello zamorano de Lubián acolle a II Xeira de Lingua e Cultura Galega nas Portelas

O alcalde, Felipe Lubián, recibirá o premio Vidal Bolaño pola defensa da galeguidade en Zamora

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 26/06/2008

Lubián é o único concello de fóra de Galicia onde o galego é lingua cooficial e, por este motivo, esta fin de semana acolle a II Xeira de Lingua e Cultura Galega nas Portelas. Organizada pola Escola Fermín Penzol da Universidade conxuntamente coa Asociación Socio-Cultural Redes Escarlata e a Asociación Cultural Xente Nova das Portelas de Zamora, esta iniciativa pretende recuperar e poñer en valor a cultura galega e os nexos de unión que a lingua establece máis alá das fronteiras políticas.
A xornada cultural deste sábado comprende varias actividades que se centran principalmente na represión franquista. O programa abrirase coa proxección do filme A Mariñeira, que será presentado polo propio director, Antón Dombao, e que recolle, ao longo de 90 minutos as situacións de represión na costa galega. O novo número da revista A Trabe de Ouro, que se presenta no transcurso desta xeira, tamén se centra no sucedido neste período nesta comarca das Portelas. O historiador e investigador Dionisio Pereira asina o artigo central no que se reflicte a brutal represión da que foron obxecto os carrilanos que traballaban no ferrocarril e os habitantes das aldeas que o acolleron. Na presentación estará, xunto con Pereira, o director da publicación e membro da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade e coordinador da Escola Fermín Penzol, Xosé Henrique Costas, e o alcalde da vila e membro da RAG, Felipe Lubián.
Precisamente este último, será tamén un dos grandes protagonistas da xornada, xa que recibirá o Premio Vidal Bolaño 2008, que lle foi outorgado por unanimidade. Este galardón entrégase como recoñecemento a aqueles que se distinguen na loita pola emancipación de Galicia e das súas clases populares, segundo as Redes Escarlata que conceden o premio. Así, trátase de salientar a defensa que Felipe Lubián realiza dende hai máis de 30 anos da galeguidade lingüística e cultural dos catro concello galegófonos de Zamora a través de todas as corporacións das que formou parte, tanto locais como provinciais e autonómicas. Ademais, Lubián é promotor e coordinador da Asociación Cultural Xente Nova das Portelas, unha das entidades organizadores desta xeira, e da escola Tuela-Bibei que é o único centro de Zamora onde se ensina a lingua galega. Segundo comenta Xosé Henrique Costas, “a concesión deste premio entenreceu profundamente a Lubián, xa que ademais do seu traballo a prol da galeguidade, traballou con Xente Nova fomentando o teatro galego por estas terras”. Precisamente, unha das obras coas que máis éxito obtivo esta asociación foi unha escrita por Roberto Vidal Bolaño, Laudamuco, señor de ningures, “polo que o premio é merecido por partida dobre”, subliñou.

Actividades lúdicas

A II Xeira de Lingua e Cultura Galega tamén ten oco para actividades de lecer, que se desenvolverán pola tarde. A través dunha visita guiada ao recinto etnográfico Cortello dos Lobos, os asistentes poderán achegarse a toda a cultura que nesta zona das Portelas existe arredor deste animal e poderán coñecer o xeito tradicional co que lle daban caza. Ademais, esta segunda edición da xeira coincide co II Campionato Intergalaico de bolos enxebres, que enfrontará aos equipos de Os Lobos, de Lubián con Os do Valo, de Terra de Iria. Segundo subliñou o director da Escola Fermín Penzol, “esta modalidade de bolos tradicional conservouse en moi poucos lugares de Galicia, pero mantívose nesta zona de Zamora, separada de Galicia en 1833 e na emigración en Arxentina” e, con estas iniciativas téntase que non se perda no esquecemento.