DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas formativas organizadas polo OEGA dentro do proxecto Life EC4RURAL

Concellos, empresas e axentes sociais de toda Galicia buscan no campus solucións que impulsen a transición enerxética no rural

Ao longo de todo o día compartiranse diversos casos de éxito chegados deste todo o Estado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/11/2023

“Conseguir que os concellos do rural non fiquen atrás no proceso de transición enerxética como aconteceu ata o de agora”. Así resumiu o profesor Xavier Simón, director do Observatorio Eólico de Galicia, OEGA, o obxectivo das Xornadas Comunidades enerxéticas no mundo rural: retos, oportunidades e realidades, un encontro que reúne na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias a preto dun cento de persoas, entre asistentes e participantes, que buscan nestas xornadas formarse e pórse ao día sobre diferentes casos de éxito chegados desde todo o Estado español.

Entre as persoas asistentes predominan os técnicos e responsables políticos de múltiples concellos das catro provincias, pero tamén de empresas de servizos enerxéticos, de comunidades de montes, de grupos de acción rural, grupo ambientalistas, estudantado universitario… “Desde o OEGA e desde o proxecto EC4RURAL queremos compartir diversas boas prácticas coa cidadanía rural e os técnicos e técnicas que traballades nese ámbito, para que estes territorios teñan máis opcións na toma de decisións”, explicou Simón na apertura do encontro, facendo así fincapé na importancia de “buscar a inclusión do rural como actor principal en todo este proceso, non en van, as principais industrias renovables están precisamente no rural”.

“Se outros xa avanzaron tanto nós tamén podemos conseguilo”

Ao longo de todo o día presentaranse diferentes casos de éxito chegados desde todo o territorio nacional. Neste sentido, o director das xornadas sinala que ningunha das propostas que se presentan é máis válida cas outras, senón que todas elas obedecen a decisións autónomas das entidades locais e da cidadanía rural e, polo tanto, “son válidas en si mesmas”, si ben resaltou que Galicia está moi lonxe no desenvolvemento comunitario da transición enerxética do que están outros territorios como Valencia, Navarra, Araba ou a fronteira do Douro, lugares que nos levan moito adianto. “Isto é o que queremos mostrar, se outros xa avanzaron tanto nós tamén podemos conseguilo”, recalcou Simón.

De forma específica, mediante presentacións curtas e dinámicas, as persoas responsables de cada unha das iniciativas amosaron as dinámicas sociais que propiciaron o desenvolvemento destas comunidades enerxéticas e compartiron as solucións xurídicas que acompañaron á xestión colectiva deste tipo de comunidades. Presentáronse tamén propostas tecnolóxicas adaptadas aos núcleos rurais e repasáronse os diferentes modelos de negocio dispoñibles para propiciar o desenvolvemento deste tipo de comunidades.

Dentro do proxecto Life EC4RURAL, coordinado pola UVigo

Organizado polo OEGA, esta xornada insírese dentro do programa de actividades do proxecto Life EC4RURAL, que botou a andar o pasado mes de setembro financiado con 1,6 millóns de euros. Con dez socios de tres países liderados pola Universidade de Vigo, o obxectivo deste proxecto é impulsar a transición cara as enerxías limpas nas zonas rurais europeas a través das comunidades enerxéticas. “Grazas a este proxecto nos vindeiros anos estaremos traballando con 34 concellos (22 galegos e 12 estonianos) para desenvolver investimentos en instalacións renovables que amosen que outro modelo enerxético, un modelo participado directamente polas comunidades rurais, é posible e séndoo deixa beneficios sociais, económicos e ambientais no medio rural, contribuíndo así á mellora da calidade de vida neses espazos”.