DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Vaquero incide nunha investigación na importancia da formación continua e a reciclaxe dos m

O concepto de envellecemento, no centro de todas as futuras estratexias políticas

"Nuevos retos laborales ante el proceso de envejecimiento" formula medidas para mellorar a situación

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Duvi DUVI 12/05/2010
Unha das cuestións que máis interese suscita na actualidade sobre o mercado laboral é o impacto do proceso de envellecemento da poboación. Anualmente a porcentaxe de persoas maiores sobre o total de habitantes aumenta, xerando unha maior taxa de dependencia. Este fenómeno non só se traduce no aumento do grupo de persoas de máis de 65 anos, na súa maioría inactivos, consecuencia directa de ter acadado a idade legal de xubilación, senón tamén no feito de que a poboación traballadora decide finalizar antes a súa vida activa, por medio das xubilacións anticipadas. A investigación Nuevos retos laborales ante el proceso de envejecimiento realizada polo profesor de Economía Aplicada, Alberto Vaquero, persegue afondar, precisamente, na perspectiva laboral da provincia de Ourense a partir do envellecemento demográfico, avaliando as súas implicacións económicas e sociais, de cara a pensar que actuacións públicas será preciso aplicar nos próximos anos para paliar os seus efectos.
A situación actual parece responder “por unha banda a unha decisión persoal e por outra a motivos profesionais, xa que a penalización por unha xubilación anticipada non parece disuadir aos traballadores”, explica Vaquero. Este instrumento foi unha opción moi empregada polas empresas, que adoitan ver a xubilación anticipada como unha saída inmediata ao exceso de persoal e unha solución para abaratar o custo da man de obra, pero “o que está claro é que supón unha importante perda de capital humano acumulado que será difícil de recuperar”. Se ao anterior engadimos o feito de que a poboación incorpórase cada vez máis tarde ao mercado laboral, pola necesidade de seguir formándose ou polas peores condicións de acceso ao primeiro emprego, “compróbase como cada vez se traballa menos tempo”.

Unha primeira ollada ao problema

En España o período medio de tempo traballado pasou dos 40-45 anos hai tres décadas, aos 37-40 anos nestes momentos, o que supón “unha importante redución que pode desestabilizar o actual sistema de pensións, ademais das profundas repercusións sobre o mercado de traballo”, indica Vaquero.
Para comprender as causas de envellecemento da poboación cómpre ter en conta tres variables: as primeiras xeracións do baby-boom achéganse ao límite da idade de xubilación a partir do 2010; xunto con esta situación, a fertilidade é moito máis baixa dende este fenómeno e, ao mesmo tempo, a esperanza de vida das persoas de idade avanzada aumenta ano a ano. Polo tanto resulta imprescindible que as políticas se adapten para aproveitar este importante capital humano de persoas maiores e facer que na sociedade haxa oportunidades para todos. “O concepto de envellecemento activo terá que ser o centro de todas as futuras estratexias políticas”, apunta Vaquero, para o que cómpre a implicación efectiva de todos os axentes afectados..
“As persoas maiores non supoñen unha carga nin son improdutivas e, polo tanto, deben atoparse os mecanismos para seguir aproveitando o seu potencial”. É necesario que as empresas ourensás e as diferentes administracións públicas creen mecanismos máis modernos “para promover unha sociedade onde a poboación anciá debe convivir xunto cun sector de persoas novas cada vez menos representado na pirámide de poboación, especialmente no caso da nosa provincia”.

Como mellorar esta situación? Unha proposta

As medidas que se tomen para resolver a situación actual teñen que ter, segundo Vaquero, unha dobre vertente: “punitivas, que castiguen os comportamentos de abandono voluntario do traballo antes da idade legal de xubilación, pero, sobre todo, que estimulen a seguir sendo parte da poboación activa”. Ademais estas accións deben proxectarse a medio e longo prazo e non actuar de xeito conxuntural, “apostando por un modelo de ciclo vital, onde se teñan en conta todos os posibles escenarios nos que se pode atopar un traballador ao longo da súa vida”, engade Vaquero. Polo tanto, resulta preciso seguir apostando polas medidas de políticas activas de emprego, de formación continua e reciclaxe dos traballadores de maior idade, para manter axeitadamente a flexibilidade laboral nun momento de grandes cambios pola introdución das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
Debe buscarse un mellor axuste entre poboación activa e postos de traballo a medida que vai envellecendo a sociedade; por iso, é preciso tomar unha serie de medidas orientadas a mellorar a situación laboral dos traballadores de máis idade: identificar as causas que provocan o abandono prematuro da vida laboral; prolongar a participación dos traballadores no mercado; ter en conta as habilidades e potenciais dos candidatos e non considerar unicamente a idade. Na opinión de Vaquero, esta medidas, entre outras moitas, permitirán “crear as condicións necesarias para que os traballadores logren manter axeitadamente a flexibilidade laboral nun momento de grandes cambios derivados da introdución das TIC”. Isto poderá compensar, parcialmente, a diminución da poboación máis nova, cuestión moi preocupante para o caso da provincia ourensá, “recuperando a actualización dos coñecementos e capacidades para desempeñar da mellor forma posible o traballo, a pesar de ser traballadores de idade avanzada”.