DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Teatro Principal acollerá a cita bianual que organiza a Schola Cantorum do campus

Un concerto pop e internacional de coros universitarios

A actuación celebrarase o día 7 de abril ás 19.00 horas

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 03/04/2013

O vindeiro domingo, 7 de abril, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum ten unha cita moi especial. Celebrará no Teatro Principal o II Encontro de Coros Universitarios, que nesta ocasión contará coa participación do Coro Académico da Universidade do Minho, de Portugal. Cada unha das formacións por separado e nalgúns momentos de xeito conxunto, ofrecerán aos asistentes un concerto no que a música pop será a gran protagonista. Xuntando linguas, idades e pezas de estilos moi diferentes, as dúas agrupacións queren sorprender aos asistentes rachando a tradicional imaxe que desta música ten o público ourensán.

A actuación, que terá lugar ás 19.00 h, comezará coa interpretación por parte do coro ourensán, baixo a dirección de Xabier Álvarez, dunha selección do seu repertorio, que abrangue desde temas de bandas sonoras e música pop ata pezas clásicas e de música tradicional. De seguido, o coro luso, baixo a dirección de Rui Paulo Teixeira, tomaralle o relevo cunha actuación na que destacan temas moi coñecidos de autores portugueses, como Caetano Veloso, e pezas moi actuais de artistas como Adele e Coldplay. Para rematar, os dous conxuntos interpretarán xuntos varias cancións, concretamente O voso galo comadre, da tradición galega, e What a wonderful world, popularizada por Louis Armstrong.

Contrastes e puntos en común

“O primeiro encontro celebrámolo co Coro da Universidade de Vigo e nesta segunda edición quixemos dar o salto internacional e convidamos a participar ao Coro Académico da Universidade do Minho. Gustounos especialmente o feito de que está composto practicamente só por estudantes e cun repertorio marcadamente contemporáneo e pop. No noso repertorio tamén temos pezas deste tipo, aínda que tamén de música clásica e tradicional, e o noso grupo é máis interxeracional”, destaca Xabier Álvarez. Con estes puntos en común no repertorio e con este contraste de idades e linguas, o director agarda que se produza unha sinerxía moi especial no concerto.

Alén da actuación, o responsable da iniciativa subliña que este encontro “tamén ten moito de humanístico, de compartir un día de traballo, de crear lazos de amizade e de intercambiar puntos de vista e formas de vivir a música”. Como exemplo dos froitos que dá este tipo de colaboracións, despois do concerto no Teatro Principal o día 27 de abril o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum participará en Braga no encontro de coros que organiza anualmente o Coro Académico da Universidade do Minho e no que terá a oportunidade de actuar con outras tres formacións lusas.