DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Cátedra de Idadismo da UVigo e aberto a toda a cidadanía

Un concurso busca reflectir en vídeos a discriminación por razóns de idade

Outorgaranse dous premios de 500 euros a pezas de imaxe real e de animación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Premios
  • Institucional
DUVI Pontevedra 25/10/2023

Impulsada pola Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo, a Cátedra de Idadismo, unha iniciativa pioneira en España, ten como obxectivo combater o conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade. Para iso, un dos eixes centrais da súa actividade é facer visible a problemática do idadismo e as súas implicacións, obxectivo no que se insire o primeiro concurso de vídeos que promove esta cátedra. Aberto á participación de calquera persoa maior de 18 anos residente en Galicia e centrado en pezas breves, dunha duración de entre 40 e 90 segundos, o obxectivo deste certame reunir “as visións de diferentes xeracións sobre o idadismo”, como sinala a súa directora, a profesora da Facultade de Comunicación Ana Belén Fernández Souto.

Ata o 19 de novembro permanece aberto o prazo de presentación de vídeos a un concurso no que se outorgarán dous premios de 500 euros ás mellores pezas de imaxe real e de animación e que ten como eixe temático “a concienciación sobre o idadismo presente na nosa sociedade”. Os vídeos presentados deberán ter unha duración de entre 40 e 90 segundos, excluíndo os títulos de crédito, e todas as súas imaxes deberán ser orixinais ou procedentes de repositorios con licencia libre de dereitos de autor, á vez que tampouco se admitirán contidos xerados por programas de intelixencia artificial. As pezas deberán subirse a unha plataforma dixital, como Google Drive, para logo remitir tanto o enlace como o formulario de inscrición ao correo electrónico idadismo@uvigo.gal.

Como recollen as bases, dos proxectos presentados “valorarase a mirada interxeracional da persoa autora”, así como que estes poñan o foco na “heteroxeneidade das persoas en calquera momento da súa vida”. Non en van, como lembra Fernández Souto, o idadismo, a discriminación por razóns de idade, non é unha problemática limitada ás persoas maiores, senón que “aféctanos ao longo da vida, tanto de novos, como de adultos e maiores”. De aí que un dos propósitos desta iniciativa sexa promover accións “quen xeren vínculos entre persoas de diferentes xeracións”, un aspecto no que, sinala Fernández Souto, “consideramos que unha das claves é a comunicación”. Ao mesmo tempo, o concurso permitirá tamén reunir información sobre a visión que persoas de diferentes idades teñen desta problemática, contribuíndo tamén ás actividades docentes e investigadoras da cátedra.