DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival 'We Are Ads' mantén aberto o prazo de presentación de proxectos ata o 31 de xaneiro

Un concurso para dar visibilidade ao traballo feito nas aulas

Este evento, promovido por alumnado de Publicidade e RRPP, desenvolverase do 2 ao 5 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 07/01/2015

Como un evento pensado por e para o alumnado presentouse o pasado mes de maio We Are Ads (WAA), o “primeiro festival universitario de publicidade de Galicia”, unha iniciativa promovida por un grupo de estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas que naceu co propósito de dar visibilidade ao traballo e a creatividade do alumnado. Ata o 31 de xaneiro, os organizadores desta iniciativa manteñen aberto o prazo de presentación de proxectos ás diferentes categorías dun festival que se desenvolverá o entre o 2 e o 5 de marzo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que acollerá neses días diferentes talleres e conferencias, así como unha gala de entrega de premios aos mellores traballos.

Mostrar o traballo realizado polo alumnado fóra dun ámbito estritamente académico, someténdoo ao veredicto dun xurado profesional é un dos obxectivos centrais do festival no que traballa a asociación We Are Ads, creada o pasado curso por un grupo de estudantes de Publicidade e RRPP coa idea de levar a cabo un festival no que teñen depositadas “moitas ilusións”, como recoñece Borja Carracedo, membro do colectivo organizador. Non en van, trátase dunha “oportunidade para gañar recoñecemento e dar visibilidade ao traballo das novas xeracións”

Oito categorías e dez premios

Aínda que idea central era que o festival servise de plataforma para amosar os traballos elaborados na facultade, “xa que o que buscamos é incentivar a profesionalidade nas aulas”, o festival está tamén aberto a proxectos levados a cabo fóra das aulas e a este poderá presentarse calquera estudante ou grupo de estudantes que no presente curso estea matriculado en calquera titulación da Universidade de Vigo, sempre e cando os seus proxectos “non gañaran ningún premio en calquera outro festival”, explica Carracedo.

Desde inicios de decembro e ata o 31 de xaneiro mantense aberto o prazo de presentación de proxectos a un concurso que conta cun total de oito categorías: identidade corporativa, gráfica publicitaria, cuña radiofónica, vídeo comercial, páxina web ou blog, acción de relacións públicas, trailer ou teaser, aplicación para dispositivos móbiles e fotografía publicitaria. Ademais dun recoñecemento aos mellores en cada unha desta modalidades, WAA contará con outras dúas distincións nas que se premiará ás mellores propostas de calquera categoría, o premio do xurado, que integrarán profesionais do sector, e o premio do público, que se decidirá polas votacións que efectúen aquelas persoas que se acheguen á exposición que se levará a cabo na Casa das Campás. Co obxectivo de animar á participación do alumnado, o colectivo organizador anuncia que nas próximas semanas levará a cabo diferentes iniciativas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Unha semana dedicada á creatividade

Do 2 ao 5 de marzo, WAA reunirá neste centro a diferentes profesionais do sector da comunicación coa idea de que relaten ao alumnado as súas experiencias en coloquios, talleres ou seminarios, actividades que o colectivo organizador atópase definindo nestas semanas e coas que buscan “achegar experiencias laborais reais alumnado, que sempre temos un pouco medo a que pasará despois de rematar”. Así mesmo, o programa do festival completarase o xoves 5 coa Gala WAA, na que se entregarán os diferentes premios.

O festival xa ten camiseta propia

Carlos Martín López, estudante do grao en Enxeñería Industrial, converteuse hai uns días no gañador do concurso da camisetas promovido polos responsables deste festival e no que “participou moita xente, sobre todo da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”, apunta Carracedo. O seu deseño inspirado na representación gráfica do pulso cardíaco será plasmado nas camisetas que a organización porá á venda co obxectivo de recadar fondos para a organización do evento. De xeito paralelo, este grupo de estudantes tamén está levando a cabo unha campaña de busca de patrocinadores e porá en marcha, entre o 19 de xaneiro e o 19 de febreiro, unha campaña de crowdfunding co obxectivo de reunir o financiamento necesario para levar a cabo a súa iniciativa.