DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado dende a Unidade de Igualdade e a Liga Estudantil Galega, o prazo remata o 10 de decembro

Un concurso fotográfico para demostrar que elas son quen de facelo

Trátase de poñer en valor a incorporación da muller a traballos tradicionalmente masculinos

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 30/11/2012
Ao longo das últimas décadas as mulleres fóronse incorporando de xeito paulatino a postos de traballo que tradicionalmente só estaban ocupados por homes. Malia estes avances, tanto a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo como a Liga Galega de Estudantes son conscientes de que aínda existen estereotipos e roles asignados a cada sexo. Por este motivo ambas entidades traballaron man a man para organizar o primeiro concurso de fotografías que capturen un espazo e tempo “no que se poida ver de xeito claro como as mulleres do século XXI realizan calquera traballo no eido que sexa e dun modo normalizado”, indica Beatriz Fariña, membro no sindicato estudantil e do xurado do certame.

Premios en metálico e recoñecementos

Promovido dende a Liga Estudantil Galega e financiado dende a Unidade de Igualdade, o concurso pon en xogo un premio de 300 euros para a modalidade de serie fotográfica e un premio de 200 euros para a modalidade de fotografía única. O certame pretende ir máis aló dunha conferencia ou dun acto convencional, “queremos que sexa un punto de referencia, que o alumnado participe de forma activa, que se mobilice e que observe os cambios que se produciron ao seu redor en termos de igualdade laboral”. Trátase de “recoñecer o papel daquelas mulleres que comezaron a introducirse en campos nos que non estaban ou non están debidamente representadas, porque non pode seguir chamando a atención o feito de que unha muller se presente a unhas oposicións para bombeiro ou que desexe ser enxeñeira”, indica Fariña.

Os encargados de fallar premio serán os membros dun xurado que estará composto por Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade; Xosé Manuel Buxán, membro da Comisión de Igualdade e profesor de Belas Artes e Beatriz Fariña, Sara Iglesias e Alberto Paz, estudantes da Universidade e membros do sindicato estudantil organizador.

Bases do concurso

O concurso está dirixido a todo o alumnado que estea matriculado no curso actual. As propostas, que teñen que ser amateur ou orixinal e non ter sido galardoadas en ningún outro certame, pódense enviar ata o día 10 de decembro e pasarán á fase selectiva sempre e cando cumpran os requisitos estipulados pola organización nas bases do concurso.