DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame está organizado pola Vicerreitoría do campus, e forma parte das actividades da Intercultur

Un concurso premia a mellor curta gravada co móbil sobre os escenarios de A Esmorga

O prazo de presentación de traballos remata o día 15 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 17/11/2009
A Esmorgaphone é un concurso organizado pola Vicerreitoría do campus de Ourense que ten por obxectivo premiar a mellor curtametraxe gravada co teléfono móbil.  A actividade, integrada na programación da Intercultural, desenvólvese con motivo da conmemoración do 50 aniversario da publicación da obra A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, polo que a temática dos traballos deberá tratar sobre os escenarios, as xentes e os personaxes que o escritor plasmou no seu libro. A participación no certame está aberta a calquera persoa, ben de xeito individual ou colectivo e a duración máxima dos traballos é de dous minutos. Filemón Rivas, xestor de actividades culturais, explica que a posta en marcha dun concurso destas características, que mestura as novas tecnoloxías cunha das obras máis senlleiras da literatura galega, responde a un dobre obxectivo. Segundo explica, “o que queremos é atraer á xente máis nova e implicar á comunidade universitaria nas actividades extra-académicas que se organizan no campus e por suposto, queremos espertar nos participantes o interese e a curiosidade por ler A Esmorga”.

Un teléfono móbil de última xeración para o gañador

O prazo de presentación dos traballos remata o día 15 de decembro. As curtas deberán descargarse directamente na páxina web www.vicou.uvigo.es seguindo as instrucións recollidas e enchendo o formulario creado ao efecto. O xurado vai estar formado por persoas vencelladas á organización da Intercultural, e a súa decisión será inapelable, podendo deixar deserto o premio se a calidade dos traballos presentados así o aconsella.
As bases do concurso establecen un único premio para o gañador, que consistirá nun teléfono móbil de última xeración.
Así mesmo, Filemón Rivas explica que se está a barallar a posibilidade de exhibir a totalidade dos traballos presentados, ou unha selección dos mesmos, mencionando a súa autoría, no certame II Ourense en curta, a celebrar proximamente.
Paralelamente, os actos da Intercultural seguen o seu percorrido. Este mércores, 18 de novembro, o astrofotógrafo Daniel López presenta no campus A maxia do ceo, un espectáculo divulgativo no que explicará o time-lapse, unha nova técnica de astrofotografía que permite ver en segundos o que en tempo real tarda horas ou noites enteiras: o movemento real dos astros, constelacións e obxectos astronómicos. Será ás oito da tarde na sala multiusos do Edificio de Ferro.