DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de candidaturas remata o 9 de decembro

O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos busca os mellores traballos fin de estudos no eido da informática e telecomunicación

Entregaranse 1400 euros en premios

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 29/11/2016

Vencellar a investigación realizada na universidade no eido da informática e as telecomunicacións ás necesidades e demandas reais do mundo empresarial. Este é o obxectivo principal do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, que chega este ano á súa décimo sexta edición. O certame premiará aos mellores traballos fin de estudos presentados por alumnado do eido tecnolóxico tanto de Galicia como de Portugal. O obxectivo final da iniciativa é “pór en valor o talento dos estudantes, impulsando o emprendemento e a competitividade co obxectivo de xerar novas oportunidades de emprego”.

Organizado por Expourense e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, o concurso conta co patrocinio da Deputación de Ourense e coa colaboración do IGAPE. Alén de valorizar o talento universitario, explican desde a organización, a súa finalidade é “sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ao seu proceso de produción, axudando a facela máis competitiva”. Polo tanto, indican, no certame teñen cabida todos aqueles traballos onde prime unha clara aplicación das súas ideas ao mundo empresarial e que estean vinculados coa realidade e necesidades cotiás.

Dúas modalidades e diferentes premios

Poden participar no certame alumnos e alumnas das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en dúas modalidades. A Modalidade A é para títulos de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de mestrado de mestrados oficiais relacionados co terreo das tecnoloxías da información e as comunicacións. A Modalidade B é para títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. Tamén haberá un Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente, dotado con 400 euros, no que poderán participar alumnos e alumnas das dúas modalidades.

En total entregaranse 1400 euros en premios. Os participantes deben cumprimentar un rexistro on line confirmando a súa participación, previamente ao envío físico da documentación, como data límite o 9 de decembro de 2016. Os proxectos deben ser presentados no rexistro da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, no Edificio Politécnico.

Dende a Escola Superior de Enxeñaría Informática animan ao alumnado que cumpra os requisitos do certame a presentarse a el, subliñando como “nestes anos houbo casos de proxectos premiados que atoparon traballos nas empresas para as que foi concibido o proxecto. Para os alumnos e alumnas este concurso é un recoñecemento público ao seu traballo, serve para completar o seu curriculum vitae e pode abrirlles as portas a novas oportunidades laborais”. O acto de entrega dos premios terá lugar nesta escola superior do campus de Ourense o xoves 15 de decembro.