DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócase a 13ª edición do certame organizado pola ESEI e Expourense

O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos premiará os mellores traballos fin de estudos da Eurorrexión

Os galardóns entregaranse no campus o día 18 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI 22/11/2013

Impulsar o emprendemento, a competitividade empresarial e crear novas oportunidades laborais. Estes son os obxectivos principais do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos que un ano máis convida ao alumnado das titulacións de tecnoloxías da información e as comunicacións das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a presentar os seus traballo fin de estudos máis innovadores. É, apuntan os seus responsables, un excelente escaparate para que as empresas coñezan o talento destes futuros profesionais e tamén o traballo en I+D+i que se realiza nas institucións académicas.

A 13ª edición do certame está organizada pola Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e por Expourense, coa colaboración da Universidade da Coruña e patrocinada pola Deputación de Ourense. Esta semana foi presentada no Centro Cultural Marcos Valcárcel por Francisco Javier Rodríguez, subdirector de Sistemas e Infraestruturas da Escola Superior de Enxeñería Informática; por Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial, e por Alejandro Rubín, xerente de Expourense. Durante a súa presentación, os responsables das entidades participantes destacaron como a innovación, o talento e as novas tecnoloxías son elementos que contribúen a loitar contra a crise e xerar emprego e como este Concurso de Proxectos Tecnolóxicos permite vencellar a investigación realizada na universidade no eido da informática e das telecomunicacións coas necesidades e demandas reais do mundo empresarial.

Destinatarios e premios

O certame consta de dúas modalidades nas que poden participar os alumnos e alumnas das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Á modalidade A do concurso poden concorrer os estudantes dos títulos de Grao en Enxeñaría Informática; Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación; Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. Os participantes poden presentar os seus proxectos fin de carreira. Á modalidade B poden optar os estudantes das titulacións de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos fin de máster de mestrados oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e das comunicacións. Concederanse tres premios en cadansúa categoría cuxa contía ascende a 1400 euros, sendo os primeiros galardóns de 350 e de 500 euros respectivamente.

Un dos requisitos para poder participar será ademais a creación dunha páxina en Facebook na que se publicará toda a información textual, fotos, vídeos, etc, que se considere oportuna sobre cada proxecto. A páxina que consiga máis “Gústame” obterá o premio do público. Os galardóns deste concurso serán entregados na Escola Superior de Enxeñaría Informática ourensá o mércores 18 de decembro de 2013. O xurado reunirase ese día e nomeará aos finalistas, que terán que defender o seu traballo durante 10 minutos. Co obxectivo de facilitarlle a participación neste concurso aos alumnos e alumnas das Universidades da Coruña e de Santiago de Compostela, a organización pon a súa disposición dos participantes un bono desconto do 30% en RENFE (inclúe AVANT) que se pode descargar en www.expourense.org.