DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se desprende da tese de doutoramento de Isabel García

A condición material e física das fotografías determina a apreciación e uso da imaxe

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 26/01/2009

Coma un percorrido sobre os usos da fotografía, sempre en función do que representa como obxecto, preséntase a tese de doutoramento de Isabel García. Os diferentes usos e contextos nos que cada un de nós situamos unha simple fotografía de carnét abonda para ilustrar a natureza do seu traballo. Non é o mesmo que estea colocada nun álbum -e cal sexa a súa posición no discurso que se establece entre as páxinas do álbum-; que se leve na carteira, como unha reliquia dun ser querido ou representación; que forme parte dunha tarxeta ou que acade o nivel de exvoto. Así, e cunha mirada específica desde a arte, García destaca o valor estético e significativo destes obxectos.
Segundo comenta a autora, a motivación da tese naceu dun interese cara a determinadas fotografías que resultaban particularmente evocadoras “non só polo que amosaban senón por como o facían”. Unha "marca de óxido ou das roídas dos ratos" levárona a considerar a súa presenza física, normalmente obviada. No seu estudo, García tampouco evita o debate sobre a "tendencia á desmaterialización" que a auxe da dixitalización no eido da fotografía presenta. Ao respecto, García posiciónase afirmando que “para que siga existindo a fotografía ten que permanecer o obxecto, do contrario, haberá imaxes pero non fotos”.
García vincula o valor obxectual dunha fotografía segundo as propiedades materiais resultantes do procedemento fotográfico empregado –tamaño, textura, cor-, as cualidades físicas derivadas do uso como as enrugas ou inscricións, a ubicación e o contexto no que se conserva a imaxe, a utilización que dela se faga e a intención plástica do autor. Así, sinala as caixas como a ubicación na que “apreciamos as fotos en todo o seu esplendor”, destaca “a narración e o contexto” que o álbum lle dá ás imaxes “destacando o seu carácter obxectual” e presta especial atención á relación da fotografía coa morte, atendendo ás fotos das lápidas.
Para ilustrar o contido da súa tese, Isabel García acode a artistas como Christian Boltanski ou Rosângela Rennó cuxa obra completa se sitúa no contorno da apropiación da fotografía privada. Sobre estes autores, García destaca o feito de que traballen con fotos “que non pertencen ao seu propio contorno” e que a través do seu proceso creativo fan súas.

A perda de materialidade no dixital

A tese tamén afonda na fotografía dixital e nela abórdanse os diferentes tipos de fotografías aos que dan lugar as novas técnicas dixitais. Así os blogs “alteran a configuración con respecto aos álbumes e diarios tradicionais” xa que a última páxina sempre é a primeira. Con respecto aos álbumes dixitais, a tese sinala unha “perda de materialidade e concepto de libro, aínda que permanezan certas cuestións de deseño como as páxinas, a forma de pasar cada unha, a representación inicial, e a aparición do concepto de pantalla”. A pesar destes cambios, García tamén apunta que a temática e a composición aínda non foron afectadas de maneira significativa xa que “se siguen realizando o mesmo tipo de fotografías, aínda que o seu número teña aumentado considerablemente e os obxectos en que se empregan sexan máis comúns”. Tampouco esquece recoller no seu traballo a contradición que isto supón para os que pronostican a fin da fotografía e retomar a pregunta de Kevin Robins “¿Seguirá conmovéndonos unha fotografía?”

O arquivo do Grupo de Investigacións Fotográficas PC-2

O banco de imaxes sobre o que Isabel García traballou para elaborar a súa tese corresponde ao arquivo reunido polo Grupo de Investigacións Fotográficas PC-2, distinguido en dúas ocasións coa Cátedra Filgueira Valverde para a realización dos proxectos A fotografía privada en Galicia (2001-2002) e A fotografía privada en Galicia e as estratexias artísticas baseadas na apropiación da fotografía privada (2004-2005), dos que Manuel Sendón, director da tese, foi o investigador principal. O arquivo consta de fotos privadas familiares que a autora da tese foi seleccionando en función do seu interese, repetición ou estética e mesmo atendendo á historia que hai detrás de moitas fotos. O material completouse co estudo dos fondos do Arquivo Fotográfico do Museo de Pontevedra e de material persoal en domicilios e contextos privados.