DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tecnoloxía, aforro e enerxías renovables, eixo sobre o que pivotan as iniciativas premiadas

Coñecementos aplicados á vida cotiá, os novos nichos de mercado

Os galardoados nos II Premios INCUVI recalcan a importancia do emprendemento como receita contra a c

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 04/02/2013
Reinventarse ou morrer, sobre todo en tempos de crise onde as saídas laborais brillan pola súa ausencia. Esa é a idea coa que nacen os oito proxectos gañadores dos II Premios INCUVI-Emprende, que tratan de “aplicar os coñecementos acumulados durante anos” a cousas prácticas e de cotío, aquelas que afectan á xente de a pé, ao peto do consumidor, sen esquecerse das vantaxes que poden achegar as novas tecnoloxías ou as enerxías renovables a vellos sectores ou a campos emerxentes. É o caso de Frogspace, un proxecto que aproveitando o traballo de base feito para o XaTcobeo vai ofrecer a calquera fabricante de picosatélites a posibilidade de adquirir os compoñentes estruturais e despregables, así como calquera servizo de deseño, integración, validación, ensaio ou lanzamento de estes satélites de pequenas dimensións. “Ver que hai xente a nivel internacional interesada neste concepto deunos o empurre definitivo, sobre todo porque podiamos aplicar todo o que investigamos ata o de agora”, aseguran Pablo Yáñez, Jacob Luis López e Gabriel García, para quen o galardón que os levará á incubadora de Vigo servirá para conseguir “apoio institucional e financeiro para por en marcha a empresa”.

Hora da xeración 2.0

Os avances tecnolóxicos e o mundo de posibilidades que abren os novos dispositivos son a clave de Interartyve Books, unha editorial dixital para a difusión da cultura artística contemporánea en formato ebook creada por Alba Blanco e Estefanía Moreno que nace “como alternativa á busca de emprego para artistas que están emigrando porque aquí non atopan oportunidades”. Grazas ao premio INCUVI-Emprenden converterán a súa nova oficina na sede de AJE en Pontevedra na “sede neurálxica dun punto de interacción entre artistas de distintas disciplinas, un espazo de reunión e creación”. “O galardón é o artífice de que esta idea saia adiante nun momento no que non ves por onde tirar. Anima a que te lances de cabeza”, explican ilusionadas. A rede tamén é o eixo sobre o que pivota o proxecto de Patricia Díaz, Vid, que traballará dende Vigo no desenvolvemento dun buscador especializado para a captación e visualización de datos de interese estratéxico e empresarial para pemes, o que facilitará a toma de decisións en canto a negocios, produtos ou servizos.

Aproveitando recursos

Pensar en verde máis que unha moda estase a converter nun modo de vida onde, ademais de respectar o medio ambiente, afórranse recursos e poden xerarse cartos. Iso pensaron David Feijoo e Daniel Martínez cando idearon Econova. Estes dous enxeñeiros de Minas especializados en enerxía, que se instalarán no campus vigués, centráronse na necesidade “de conseguir unha materia prima para calefacción a un prezo razoable, sobre todo no ámbito rural, onde o acceso é máis difícil e a dependencia dos gasóleos maior”. A volta á biomasa, á leña, levounos a pensar na creación dunha planta de pellets de madeira de maior calidade a bo prezo e aproveitando os recursos forestais existentes en Galicia. “Sería unha boísima oportunidade para xerar combustible, traballo, cartos e economía”, resaltan. “Agora hai tres ou catro empresas que os fabrican, pero con residuos duns serradoiros que coa crise na construción viron minguados os seus recursos. Nos queremos achegar unha vantaxe tecnolóxica, optimizar os recursos que agora están desaproveitados e darlle unha saída internacional ao produto”, subliñan. Para iso queren traballar man a man coa comunidade de montes, a quen poderían axudar a xestionar mellor a masa forestal. “O proxecto ía saír adiante si ou si, pero este premio supón un impulso moi importante, un respaldo que te anima a crer na túa idea e a tirar para adiante. Nos tempos que corren é un respiro”, aseguran.

Centrado no mundo agrario tamén está Monet, unha iniciativa de José Antonio Gay, Isabel Expósito e David Rey coa que, a través de sensores e tecnoloxías sen fíos e de sensores remotos de baixo custe, monitorizar as granxas e mellorar a calidade da produción mediante o control exhaustivo de parámetros como o control do crecemento das plantas en explotacións agrícolas e da saúde de animais en gandería e acuicultura. A súa sede estará en Vigo, como a de David Rodríguez que, en Smart Rubbish, unirá a sustentabilidade á rendibilidade económica nun proxecto que propón un concepto innovador de recollida selectiva de lixos a través de sensores e antenas que permitirá o deseño de rutas óptimas. Miguel Malvar tamén compartirá oficina na incubadora viguesa co seu proxecto dun edificio modular sustentable, que desenvolve un sistema construtivo para a execución de vivendas e servizos dun só piso con base na produción de módulos de baixo custe e un alto grao de personalización.

Cupcakes á galega

Formación artística e paixón pola repostería é o que levou a Daniel Pérez a crear Fogar 12 Fogar, unha empresa pensada para ofrecer “produtos que agora están de moda pero cunha reviravolta dende o deseño e con outro xeito de producilos, botando man tamén de receitas tradicionais galegas e de produtos máis ricos que, por exemplo, o fondant, senón cousas da terra”. Pérez plasmará toda a súa formación artística a nivel de deseño, escultura e composición para “aplicar en algo máis inmediato que a xente poida demandar nestes tempos tan complicados, entendendo que hoxe en día o consumidor está orientado cara un produto relacionado co ocio”, tanto en doces como en deseño de eventos. Este licenciado en Belas Artes aproveitará a oficina na incubadora pontevedresa para “visibilizar o meu traballo, gañar formación e darlle un impulso tremendo ao proxecto”.