DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns celebrouse unha xornada de acollida para alumnado preuniversitario

Coñecendo opcións para o futuro

O obxectivo da iniciativa foi presentarlles a oferta de titulacións e servizos do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 10/03/2014
Escoller que titulación estudar e onde facelo é unha das decisión máis estresantes e difíciles que ten que enfrontar o alumnado de segundo curso de Bacharelato. Para que esta elección sexa o máis fundamentada posible, o campus de Ourense celebrou este luns unhas xornadas de acollida que tiveron como obxectivo presentar a estudantes preuniversitarios da cidade a súa oferta de titulacións e servizos. Os estudantes participantes puideron coñecer de primeira man as instalacións do campus, os seus centros e títulos e a súa programación complementaria.

Información para tomar decisións

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus, foron os encargados de dar a benvida aos participantes na xornada, arredor de 70 estudantes de segundo curso de Bacharelato. “Quizais moitos de vos sexades o curso que vén habitantes deste campus así que queremos que o coñezades e que vexades a formación que vos podemos ofrecer aquí, principalmente académica pero tamén cultura, deportiva, etc, pois a nosa aposta é por unha formación integral do alumnado”, destacou María Lameiras aos rapaces e rapazas presentes. Deste xeito, explicou Alberto Vaquero, a xornada foi deseñada para que os asistentes puideran coñecer desde a programación deportiva e cultural ata os títulos específicos de interese da cada alumno ou alumna.

“Este tipo de xornadas son moi interesantes. Deberían facerse todos os anos e preparase con tempo suficiente para que os estudantes puideran coñecer ben cada unha das titulacións que se ofrecen no campus e especialmente as que poden ser do seu interese. A esta altura de curso algúns alumnos xa teñen claro o que queren estudar e onde pero outros non e este tipo de información pode serlles moi útil para tomar decisións no futuro”, destacou Óscar Blanco, orientador do Colexio Plurilingüe Santa Teresa de Jesús-Carmelitas que acudiu á xornada cun nutrido grupo de alumnado preuniversitario do seu centro.

Intereses diversos

Para comezar a xornada de acollida, os responsables das diferentes áreas do campus presentaron aos asistentes a súa programación e servizos, como a Biblioteca Rosalía de Castro, a Oficina de Voluntariado, o Servizo de Deportes, o Gabinete Psicopedagóxico, a Área de Actividades Culturais e a Área de Servizos á Comunidade. “Neste campus hai titulacións moi interesantes, equipos decanais moi novos e unha programación complementaria moi intensa. Entre as vosas opcións considerade seriamente vir a estudar a este campus porque non ten nada que envexar a outras universidades”, destacou Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais, durante a súa intervención, na que presentou as diferentes liñas de actuación da súa área.

Despois de ter unha perspectiva xeral do campus, os asistentes dividíronse en grupos segundo os centros que lle interesaba coñecer e en cada facultade e escola foron recibidos polos seus responsables. Deste xeito, os futuros universitarios puideron coñecer ao detalle o amplo abano de titulacións que se ofrecerán no curso 2014/2015 nas escolas de Enxeñaría Informática e Enfermaría e nas facultades de Ciencias, Historia, Ciencias da Educación, Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo. Algúns dos estudos que máis curiosidade espertaron entre o alumnado preuniversitario foron os títulos moi consolidados, as novas ofertas, os graos únicos dentro do mapa universitario galego e de xeito especial os programas de simultaneidade que permiten realizar en cinco anos dous graos, como son os programas de ADE e Enxeñaría Informática e o de ADE e Dereito.