DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Rafael Vallejo vén de publicar unha guía ilustrada desta vila mariñeira

Coñecer o pasado e o presente de Combarro en 48 páxinas a toda cor

Nace con motivo do 40 aniversario da declaración deste enclave como Conxunto Histórico

Etiquetas
  • Pontevedra
Iolanda Fernández DUVI 15/07/2013
O que non se coñece é difícil que se queira e se valore. Polo tanto, é moi difícil que se defenda”. Baixo esta e outras premisas como a de “coñecer mellor Combarro para valoralo máis e mellor”, o profesor da Universidade de Vigo e presidente da Asociación A Solaina Rafael Vallejo puxo todo o seu empeño na publicación dunha guía na que, a través de 48 páxinas e 89 imaxes, o lector poderá botar man dunha “obra de clara motivación didáctica na que se escapa aos tópicos máis habituais neste tipo de publicacións e na que se intenta afondar nos contidos con rigor e profesionalidade”, argumenta Vallejo, natural desta mítica vila mariñeira e docente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

A Guía do Conxunto Histórico de Combarro. Historia e Arquitectura Popular é froito, “dun labor colectivo, dun traballo en equipo”, subliña Valllejo que destaca a colaboración de Paco Guerra e Andrés Dacosta. “Os magníficos debuxos que podemos ver ao longo destas páxinas son de Paco e algúns dos datos novos que aparecen na guía son colleita das pescudas do infatigable Andrés”. O 40 aniversario da declaración da vila como Conxunto Histórico foi o punto de partida deste proxecto no que, tal e como salienta o autor, “traballamos para que non se perda Combarro. Porque estamos moi preocupados polo rumbo que está a tomar nestes últimos anos”.

O pasado e o presente imaxe a imaxe

Artistas e fotógrafos actuais coma Carlos Docampo ou Ramón Romay colaboraron nesta publicación na que se inclúen 89 imaxes entre debuxos, fotografías, mapas e carteis. A obra tamén recolle a visión de recoñecidos artistas de finais do século XIX e comezos do XX que coñeceron a localidade de Combarro naquelas datas, como son Castelao ou Agustín Portela, entre outros. O Museo de Pontevedra e o Servizo Documental da Deputación completan estas achegas que “revelan que a importancia de Combarro está nas casas, nos espazos urbanos que crearon as súas xentes, nos seus cruceiros, hórreos... Pero tamén na representación que artistas galegos e foráneos fixeron desta vila”, asegura o presidente da Asociación A Solaina. Nestas páxinas hai tamén un oco para para todos aqueles escritores e estudosos da arte que descubriron este lugar e o converteron nun referente a nivel galego.

Presentar de forma ordenada a historia e a economía da localidade ao tempo que se presenta Combarro como parte dunha xeografía, dun territorio ese é o fin que persegue esta nova guía. “Trátase de ver como esa xeografía permite entender como se edificou, así como as limitacións históricas que ten, nese espazo tan apertado, nesa especie de illa granítica que se fai un oco entre o monte, o mar e as terras de cultivo”, destaca Vallejo.

Hórreos e muíños, un valor engadido

A construción máis típica desta localidade pontevedresa son os seus hórreos “como parte dunha cultura do pan, na que hai que incluír os eirados, os fornos das casas e os muíños nos que se fai a fariña”, comenta o profesor. Esta é a primeira vez que se inclúen os muíños nunha descrición da arquitectura de Combarro, “unhas edificacións que sabiamos que xa existían no século XVI e ás que case non se lles facía referencia”. Tamén grazas aos estudos destes investigadores profesionais e afeccionados, aos libros publicados ao respecto e ao saber dos propios veciños a guía inclúe por primeira vez información detallada sobre os cruceiros do lugar.

Os porqués dunha guía coma esta

Para o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias existen tres razóns fundamentais que xustifican a necesidade de publicar unha guía coma esta. Vallejo comenta que dende A Solaina “somos afeccionados a facer guías, ou máis ben trípticos, sobre a nosa vila”. Xa en 1988, coa colaboración do Patronato Provincial de Turismo das Rías Baixas, a asociación publicou un tríptico en branco e negro. Uns anos máis tarde, en 1993 tocaríalle a súa quenda a unha nova publicación de características similares e a toda cor. Grazas á colaboración do Concello de Poio, en 2005 vía a luz outro documento traducido a cinco idiomas. “A pesares destes trípticos e da pequena guía que se editou en 2005 non contabamos cunha publicación que explicara de forma ordenada, cunha certa amplitude, a arquitectura e a historia de Combarro”, recalca o investigador.

O Conxunto Histórico de Combarro é un dos máis importantes de Galicia “polo que pasan milleiros de persoas todos os anos e carecía dun libriño específico que o explicase. Que o explicase para os de fóra e que o dese a coñecer na propia localidade". Para o presidente da asociación isto supón “unha importante eiva que responde a un mal de fondo: a falta dun programa didáctico para explicar e trasladar os valores culturais e patrimoniais que o lugar ten incorporados”.