DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase entre o 26 e o 28 de outubro na Vicerreitoría do campus e no CGAC

As conexións da performance con outras disciplinas centrarán o oitavo congreso internacional ‘Fugas e Interferencias’

Coa participación de investigadores e investigadoras de catro países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 17/10/2023

Fomentar a investigación académica dunha disciplina de carácter efémero como é a performance é o propósito central do congreso internacional Fugas e Interferencias, que promove o grupo de investigación PE4 Imaxes e Contextos da Facultade de Belas Artes e que a vindeira semana desenvolverá á súa oitava edición en Pontevedra e Santiago de Compostela, tendo como sedes a Vicerreitoría do campus e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Entre o xoves 26 e o sábado 28, investigadores e investigadoras de sete universidades españolas e de Italia, Estados Unidos e México presentarán as súas investigacións nesta VIII International Performance Art Conference, que porá o foco nas “interseccións” da arte de acción con outras disciplinas. 

Dirixido polo profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo e a investigadora e comisaria Marta Pol, Fugas e Interferencias articúlase en catro bloques temáticos, dentro dos que nesta edición gaña especial relevancia o dedicado á acción e as súas interseccións, eixe de tres das cinco mesas de presentación de comunicacións programadas. Trátase “da vertente da arte de acción que articula diversos aspectos que poden ir desde o corpo en movemento ata o límite da danza, integrar o campo sonoro, pictórico e ecolóxico...”, destaca Pol. Dentro deste bloque, o congreso contará por primeira vez cunha mesa dedicada á pedagoxía da arte de acción, “un campo de investigación moi pouco frecuentado e moi necesario”, como sinala Tejo, xa que permite enfrontarse “ao dilema de como ensinar a performance, unha actividade que presenta grandes dificultades e que está chea de lugares comúns que hai que ir desterrando”, co propósito, engade, de “transmitir ao alumnado unha visión aberta e contemporánea” desta disciplina. 

En total, o comité científico seleccionou doce traballos de investigadores e investigadoras de universidades de España, Estados Unidos, Italia e México, que se reunirán posteriormente no libro de actas do único congreso académico dedicado á performance de España, que reúne cada ano investigadores, docentes, artistas e outra serie de profesionais, como comisarios ou xestores culturais.

Conferencias plenarias e performances

A oitava edición deste congreso arrancará na tarde do xoves 26 na Casa das Campás, onde terá lugar a primeira mesa de presentación de investigacións, completándose a xornada con dúas performances levadas a cabo polo alumnado da materia Proxectos de Arte de Acción do Grao en Belas Artes. Ao día seguinte, Fugas e Interferencias trasladarase ao CGAC, onde ademais de dúas novas mesas de debate, terá lugar a conferencia plenaria que o investigador da Cátedra Internacional José Saramago da UVigo Alberto Valverde dedica a traxectoria do grupo Rompente, liderado por Antón Reixa, que foi “un dos primeiros en achegarse, desde a poesía visual, a prácticas que podemos considerar performativas”, destaca Tejo. Esta xornada pecharase con Sintagma y corriente, unha performance que “indaga no movemento do corpo e nas dinámicas que relacionan este coa contorna” a través dos “mapa de movementos” que o artista Javier Martín irá trazando a partir da interpretación de pezas musicais de Scelsi e John Dowland por parte da pianista Haruna Takebe.

Xa o sábado 28, o congreso pecharase con dúas novas mesas e cunha conferencia da responsable da Colección de Artes Perfomativas e Intermedia do Museo Reina Sofía, Lola Hinjosa, quen falará sobre “como arquivar e preservar a performance”, como explica Tejo, que incide na importancia deste labor para o estudo dunha arte efémera, que “ocorre no presente” e que sen o seu rexistro “morre no aquí e no agora”.