DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En virtude dun acordo de colaboración asinado coa Universidade de Vigo

A Confederación Empresarial de Ourense súmase á rede de apoios do Campus do Mar

O organismo implicarase nas prácticas dos estudantes e na creación de empresas de base tecnolóxica

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 27/04/2010

O Campus do Mar é a proposta da Universidade de Vigo para presentarse ao programa Campus de Excelencia Internacional destinado a mellorar a calidade, visibilidade, competencia e atractivo das universidades españolas no contexto internacional. O reitor Alberto Gago aposta firmemente por este proxecto non só porque gañalo suporía adquirir a bitola de calidade, senón tamén porque implicaría unha inxección de financiamento extra para a institución académica –segundo revelou o reitor nos campus de excelencia internacionais seleccionados na anterior convocatoria asináronse entre 7 e 21 millóns de euros-. Son moitas as institucións e organismos públicos e privados que amosaron xa o seu apoio a esta iniciativa, dende as universidades galegas e as catro do Norte de Portugal (Tras-Os-Montes, Minho, Porto e Aveiro) ata o CSIC, os centros tecnolóxicos, todos os portos de Galicia dende Ferrol ata A Guarda e os sectores empresariais afectados.
A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) súmase agora a esta proposta en virtude dun convenio de colaboración asinado este martes coa Universidade e no que a CEO centrará os seus esforzos na posta en marcha de iniciativas de formación e prácticas para os estudantes e no apoio á creación de empresas de base tecnolóxica. Nas declaracións realizadas no acto de sinatura do convenio o reitor explicou que os avaliadores da proposta terán en conta non só a calidade da mesma e a súa capacidade aglutinadora, senón tamén “a implicación institucional e económica que consigamos e iso implica conseguir o máximo apoio posible de todos os representantes institucionais”.

Definición de liñas de traballo conxuntas

O presidente da CEO, Francisco Rodríguez, explica que dende a institución que dirixe hai unha aposta decidida por reducir a distancia existente entre a formación que se imparte nas aulas e os perfís e as capacidades que demandan as empresas. “Pero ese obxectivo só pode alcanzarse establecendo un diálogo permanente entre as organizacións empresariais e a entidade formativa por excelencia que é a universidade”, declara. Na consecución desta finalidade enmárcase o acordo de colaboración que asinaron tamén o reitor e o presidente da CEO para a definición de liñas de traballo conxuntas entre ambas as dúas institucións e que senta a base xurídica e o soporte formal para o desenvolvemento de prácticas dos estudantes da Universidade de Vigo en empresas integradas na confederación –na actualidade esta organización está integrada por 86 asociacións sectoriais e territoriais que representan a máis de 10.000 empresas-. Na súa intervención Francisco Rodríguez fixo moito fincapé na posibilidade de brindarlle aos estudantes a realización de prácticas pre-profesionais en empresas do seu ámbito de formación. Segundo as súas palabras, “nun contexto socioeconómico como o actual este tipo de sinerxias e esforzos colectivos permitirannos acadar avances máis rápidos, vencer calquera crise e axustar a oferta educativa ás demandas e necesidades do noso tecido empresarial”. Na mesma liña de declaracións se expresou Alberto Gago que establece como “un obxectivo irrenunciable da universidade” a posibilidade de que todos os seus estudantes poidan ter prácticas pre-profesionais antes de saír ao mercado de traballo. “Iso debera ser unha obriga nos mestrados pero deberiamos aspirar a que fora así tamén nos estudos de grao”, afirmou.

Mobilidade internacional e colaboración transfronteiriza

Outros aspectos que contempla este segundo acordo de colaboración asinado entre a CEO e a Universidade de Vigo é a colaboración de ambas as dúas institucións para a potenciación da mobilidade internacional –o reitor situou en 500 o número de estudantes que participan anualmente nos programas de mobilidade da institución- e tamén a colaboración transfronteiriza. O reitor cre que esa colaboración “ten que ser cada vez maior” e nesta liña falou dos títulos compartidos como un dos principais retos do actual sistema académico.