DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polo Centro de Investigación Mariña

Unha conferencia aborda as posibilidades dos modelos climáticos para predicir a distribución de especies

A charla correu a cargo da egresada Sara Varela, investigadora do Museum für Naturken de Berlín

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 10/01/2019

O cambio climático é unha realidade desde hai varias décadas e os seus efectos mídense xa en termos de perda de biodiversidade. Conscientes desta realidade a comunidade científica leva anos traballando con diferentes tipos de modelos climáticos, sofisticadas simulacións de software que avalían a reacción do clima ante diversas influencias. Estes modelos foron precisamente o eixe central dunha conferencia impartida este xoves na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, por Sara Varela, egresada da Facultade de Bioloxía e na actualidade investigadora de posdoutoramento do Museum für Naturken de Berlín.

Durante a conferencia, organizada polo Centro de Investigación Mariña, a investigadora presentou o proxecto Bioextremes y EcoClimate. Centrouse, sobre todo, nos modelos climáticos que existen para predicir o clima, tanto do pasado como do futuro, e nos tipos de variables que ofrecen estes modelos, presentación que serviu como punto de arranque para un posterior debate cos investigadores e investigadoras que asistiron á charla e que puideron así intercambiar opinións sobre que tipos de capas climáticas se poderían chegar a construír para mellorar os modelos e ampliar a súa utilidade.

Segundo explicou a investigadora, as predicións sobre os valores de temperatura, precipitación, salinidade, etc. que producen os modelos climáticos permiten construír variables ad- hoc para entender as consecuencias do cambio climático sobre a biodiversidade. Neste liña, Varela fixo fincapé en que o proxecto BioExtremes busca xerar unha nova serie de variables climáticas en formato GIS relacionadas coa intensidade e a duración de eventos extremos –por exemplo, número de días seguidos con temperaturas baixo cero, ou número de días seguidos con temperaturas por encima de 25º C-. Con estas variables poderanse, segundo recalcou a investigadora, programar modelos de distribución de especies para xerar mellores mapas sobre estas temáticas no futuro.

Seminario en xuño

O debate que se abriu no salón de actos da Ecimat tras a conferencia durou preto dunha hora. “Foi unha charla que espertou moito interese e, de feito, quedamos en facer un seminario o vindeiro mes de xuño para continuar co tema e establecer contactos e proxectos de cara ao futuro”, explicaron dende o Centro de Investigación Mariña, destacando así a importancia de “establecer contacto con investigadores/as mariños, estudantes ou profesionais do sector do mar para incorporar variables que poidan ser de interese e establecer novas colaboracións”.