DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida polo profesor de Dereito Administrativo da Universidad de Córdoba Humberto Gosálbez

Unha conferencia analiza a lei de convivencia universitaria

No marco do Curso de Actualización Xurídica 2022/2023 da Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Democracia
  • Visitas
  • Académica
DUVI Ourense 21/04/2023

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres a conferencia A Lei 3/2022, de 24 de febreiro, de convivencia universitaria, ofrecida por Humberto Gosálbez Pequeño, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidad de Córdoba. O convidado debullou as características dunha norma que está en proceso de aplicación nas diferentes universidades españolas.  

A sesión formou parte da programación do Curso de Actualización Xurídica 2022/2023, unha iniciativa que inclúe cada ano unha serie de conferencias, centradas cada unha delas nunha área diferente do dereito, sobre temas de carácter transversal e de actualidade no eido xurídico, co obxectivo de avanzar na formación multidisciplinar do persoal docente e investigador da Facultade de Dereito e do seu alumnado e facilitar a súa actualización en temáticas xurídicas alleas ás súas especialidades.

A conferencia celebrada este venres foi introducida pola vicedecana do centro Mónica Siota e o convidado foi presentado polo catedrático de Dereito Administrativo Roberto O. Bustillo. Precisamente, e tal e como se destacou na presentación, a cita celébrase tras a aprobación o pasado martes no Claustro da Universidade de Vigo do Código Ético, a Normativa de Convivencia e o Regulamento Disciplinario desta institución académica, tres textos que xorden para dar resposta a esta Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de Convivencia Universitaria, que substitúe o Regulamento de Disciplina Académica de 1954.

Dous bloques

A lei de convivencia universitaria, comentou Humberto Gosálbez antes da súa conferencia, está aínda en proceso de aplicación, xa que “o que fai a lei en primeiro lugar é convidar ás universidades a que aproben os seu regulamentos de convivencia no prazo dun ano”. Así, apuntou, hai universidades que xa os teñen aprobados e hai outras que os están aínda elaborando. Segundo explicou o experto, esta lei divídese en dous bloques principais. O primeiro, dixo, “é máis suscito e refírese a unha certa regulación sobre a convivencia universitaria de toda a comunidade universitaria”. Trátase “dunha parte máis xeral sobre deberes de conduta no campo universitario en particular que afecta tanto ao profesorado como ao persoal de administración e servizos como ao alumnado”. Neste punto, o docente sinalou que “a lei case non regula nada e deixa un campo aberto ás comunidades autónomas e a cada universidade para que o regulen”.

O segundo bloque da Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de Convivencia Universitaria identificado polo relator foi o do réxime disciplinario do alumnado, que abrangue as faltas e sancións disciplinarias que poden pórse aos estudantes. Neste caso, a lei substitúe e derroga unha anterior, concretamente ao citado real decreto de 1954, “que establecía un réxime disciplinario que se tivo que ir aplicando e derrogando conforme á Constitución; que foi moi cuestionado no seu momento pero que se seguía aplicando, non na súa integridade, senón só algunhas partes, con interpretacións favorables á Constitución naturalmente”.

Humberto Gosálbez indicou que a lei non define a convivencia universitaria pero “establece unha serie de principios xerais e unha serie de contidos que conformarían esa convivencia universitaria e que logo as universidades teñen que desenvolver nos seus propios regulamentos”. Neste contexto subliñou que “é importante lembrar que a convivencia non só afecta ás condutas que constitúen falta disciplinaria do alumnado, hai outras normas de convivencia”, citando por exemplo como “hai unha gran preocupación nesta lei polo que son dous aspectos: o acoso e a discriminación”. Así, indicou o relator, a Lei de Convivencia Universitaria establece nese senso mandato ás universidades de que teñen que aprobar medidas preventivas para intentar evitar esas situacións e de que teñen que aprobar medidas de resposta efectiva para protexer ás presuntas vítimas, medidas que sexan tamén disuasorias deses comportamentos.