DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centos de persoas agardan en listas de espera por un trasplante

A conferencia "Doazón de órganos" amosou como esta actitude solidaria permite dar vida despois da morte

Esta foi a mensaxe que o doutor Trillo transmitiu no seu relatorio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 26/11/2008

Cada ano centos de persoas falecen mentres agardan o trasplante de órganos ou tecidos que precisan para salvarse; por iso cómpre sensibilizar á sociedade sobre a importancia da doazón de órganos como fonte de vida e saúde. A comunidade universitaria puido coñecer mellor este mundo de solidariedade, grazas a conferencia Doazón de órganos, que tivo lugar este mércores 26 no Edificio de Ferro.
Pedro Trillo Parejo, médico cirurxián e coordinador da Oficina de Transplantes do Complexo Hospitalario de Ourense, foi o encargado de explicar os aspectos técnicos do proceso de doazón, “xa que para poder dedicir sobre algo, primeiro hai que ter coñecemento”. O trasplante de órganos é, neste momento, unha técnica cotiá na medicina, “os avances científicos posibilitan que un maior número de doenzas poidan ser tratadas mediante os trasplantes”, indicou Trillo. “A sociedade ten que coñecer e estar concienciada coa doazón, xa que calquera día podemos ser nós os que precisemos axuda”, engadiu.
No relatorio, organizado pola asociación ALCER, Asociación que Loita contra as Enfermidades Renais, e polo Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo, tamén estiveron presentes Rosa Iglesias de Dios, presidenta de ALCER e David Gulias Rivas, membro da xunta directiva da asociación. Ambos foron testemuñas de “como te pode cambiar a vida un trasplante”, dixo Iglesias, por iso coa narración da súa experiencia pretenderon achegar aos asistentes ao mundo da doazón de órganos. “Vivir nunha sociedade na que existan máis doantes non só beneficia aos enfermos, senón a todos, porque nalgún momento nos podemos ver nesa situación”, explicou Gulias. “Hai que mentalizar ás persoas que despois da morte aínda se pode dar vida”, concluíu Gulias.

As doazóns de órganos

Hoxe en día o trasplante de órganos é un método efectivo para salvar vidas, “unha solución a longo prazo necesaria na sociedade occidental”, explicou Trillo. Un trasplante só se realiza no caso de enfermidades crónicas como é o caso da insuficiencia renal, aclarou o doutor; e a xestión deste proceso comeza coa dispoñibilidade de doadores. “Os doantes poden ser vivos ou cadáver”, proseguiu Trillo. As doazóns de persoas mortas é unha das principais fontes de trasplantes, cando a alguén se lle diagnostica a morte cerebral significa que non hai sangue nin osíxeno no seu cerebro e que non funcionará máis “xa que o cerebro é o ordenador central que manexa a nosa vida”, subliñou Trillo, pero isto non supón que outros órganos tales como o corazón, os riles ou o fígado estean mortos, aínda que tan só funcionarán durante unhas horas. A non ser que o falecido estivese afectado por unha enfermidade, estes órganos poden ser utilizados para outra persoa a través do trasplante, por iso “é importante que sexamos solidarios e que non nos levemos para arriba unha parte do noso corpo que aquí pode facer falla”, dixo Gulias.
Un dos pasos complicados no proceso de xestión dos doantes cadáver é a petición de consentimento aos familiares, “esta é a pregunta máis dificil, no peor momento, a unha familia destrozada”, describiu Trillo. Sen embargo, diferentes estudos indican que máis do 85% das familias atopan que a doazón dá un sentido positivo a súa traxedia.
Por outra banda, no caso dos doantes vivos, estamos antes “un proceso máis complexo e no que existe moita controversia”, comentou Trillo. Na actualidade están a aumentar os trasplantes de persoas vivas, sen embargo na opinión do doutor ten un futuro moi limitado e quizais a solución está nas células nai.