DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezan as "Xornadas pola lingua. O galego no século XXI" organizadas polos Comités

Conferencias, coloquios e cine para reflexionar sobre o uso normalizado do galego

Iván Area subliñou que a Universidade de Vigo "mantén e manterá o seu compromiso coa lingua"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 30/11/2009

Conferencias, mesas redondas e proxección de documentais integran o contido das Xornadas pola lingua. O galego no século XXI, que hoxe comezan a súa andaina na aula magna da Facultade de Ciencias. A iniciativa está organizada polos Comités en colaboración coa Área de Normalización Lingüística, a Vicerreitoría de Relacións Institucionais e a Vicerreitoría do campus de Ourense e desenvolverase ao longo de toda a semana cun obxectivo fundamental. Nas palabras de Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, “reflexionar sobre a importancia do uso normalizado do galego en todas as esferas”.
Os Comités son un sindicato estudiantil que defende “un ensino público galego, democrático e de calidade”, segundo explica o seu responsable no campus, Iago Gómez. A posta en marcha destas xornadas responde ao interese e á preocupación do colectivo “ante a derogación do decreto 124/2007 do 28 de xuño, de regulación do uso e a promoción do galego no sistema educativo e para evidenciar tamén que en Galicia o galego, como o español, pode ser útil en calquera ámbito”.

“Instamos a todas as institucións a comprometerse coa normalización lingüística”

Iván Area, pola súa banda, apuntou no acto inaugural que estas xornadas “continúan na liña de traballo que a Universidade de Vigo desenvolveu nos últimos anos con campañas como Chámate con xeito ou Busco amante galego-falante”, e enmarcounas nun período como actual, “no que semella que dende determinados sectores se pretende reducir o uso do galego a determinados usos rituais”. Por iso, e segundo afirmou, “a Universidade de Vigo mantén e manterá o seu compromiso coa lingua, ao tempo que instamos a todas as institucións e entidades galegas a comprometerse coa normalización lingüística”. Area animou aos participantes na actividade a “reflexionar sobre a importancia do uso normalizado do galego en todas as esferas”. Argumentou as súas palabras no feito de que, no século XXI, necesitaremos o galego para falar do noso patrimonio material, “as fontes, os cruceiros, os hórreos, as cabaceiras...”, para chamarnos polos nosos nomes propios, “Xian, Sabela, Uxía...”, para denominar á nosa terra e aos nosos mares, “o furadeiro, os carallóns...”, para referirnos aos instrumentos musicais galegos, “tarrañolas, charrasco, zanfona...”. Segundo dixo, tamén precisaremos do galego para falar dos oficios tradicionais, “toneleiros, matachíns, fogueteiros, palilleiras...”, dos xogos tradicionais, “os birlos, a chave, a billarda...”, e para referirnos ao noso imaxinario, “o entroido, o nadal, o magosto, a santa compaña, os trasnos, as meigas, o sacauntos...”. E na Universidade tamén se seguirá a precisar do galego. Segundo o vicerreitor, “faremos ciencia en galego e falaremos tamén do dereito civil, da nosa bioloxía, da nosa xeoloxía, da nosa cultura e do noso futuro”, declarou.

Conferencias, mesas redondas e proxeccións de documentais sobre a nosa lingua

As Xornadas pola lingua desenvolveranse ao longo de toda esta semana con conferencias, mesas redondas e proxeccións de documentais. Este luns, primeiro día da iniciativa, proxectáronse os filmes Linguas cruzadas e Castelao e os irmáns da liberdade. Tamén houbo unha mesa redonda sobre Normalización na Universidade na que participaron Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e Isabel Pérez, concelleira de Normalización Lingúística no Concello de Ourense.
O 1 de decembro as xornadas desenvolveranse arredor da presenza do galego en dous ámbitos de estudo: a literatura e as ciencias coa celebración de dúas mesas redondas: unha sobre O galego na literatura e a outra sobre O galego e as ciencias, tecnoloxía e medios de comunicación.
O audiovisual vai centrar a celebración da actividade o día 2 de decembro, coa proxección da película galega Pradolongo e cun coloquio sobre Música galega e audiovisual. O xoves, 3 de decembro, as xornadas analizarán a presenza do galego na sociedade do século XXI da man de Carlos Callón e Susana García, da Mesa pola Normalización Lingüística. Ese mesmo día celebrarase tamén un coloquio sobre o galego na xustiza, da man do avogado Iago Tabarés, e analizarase o ecoloxismo galego con Xan Carlos Rodríguez, de ADEGA.
O 4 de decembro, último día das xornadas, haberá unha conferencia sobre o Movemento obreiro galego. O sindicalismo en Galicia, a cargo do sindicalista Luis Ferreiro. A clausura das xornadas estará presidida por Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense.