DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As conferencias do Máster en Comercio Internacional achegan a realidade do sector ao alumnado

Botan a andar hoxe martes e alongaranse ata o 21 de decembro no salón de actos da EU de Estudos Empr

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 13/12/2011
Poder escoitar as experiencias dos profesionais e expertos dun determinado sector empresarial é todo un privilexio para os estudantes que reciben, de primeira man, leccións maxistrais que complementan os programas docentes. Coñecedores desta necesidade, dende o Mestrado en Comercio Internacional impartido na Escola Universitaria de Estudos Empresariais promoven "a celebración de conferencias complementarias con expertos de éxito e con técnicos de organismos de referencia para que acheguen, aos 40 alumnos deste posgrao, unha perspectiva profesional máis próxima á realidade da man de persoal alleo á Universidade”, indica Antonio Vaamonde, coordinador do mestrado.

Os conferenciantes, que son seleccionados polos 35 docentes que conforman o plantel do mestrado, teñen como función afondar nos contidos máis interesantes de cada materia, tratando temas relacionados co mercadeo, o comercio electrónico, a comunicación ou aspectos xurídicos e lexislativos entre outros. Como indica Vaamonde, “esta actividade pódese levar a cabo grazas ao convenio que existe co Igape e co Fondo Social Europeo, que financian as conferencias. Así, noutras edicións tivemos a oportunidade de contar con conferenciantes de alto nivel coma por exemplo José Luís Bonet, director de Freixenet, empresa líder na comercialización de cava que supón unha icona a seguir”.

Programa das conferencias

O programa de conferencias do mes de decembro iníciase o martes 13 ás 16.00 horas co obradoiro A Brand Called U, a cargo de Cecilia Cano. Tras esta, Iago Becerra será o encargado de achegar ao alumnado á realidade da exportación cunha ponencia titulada Con la botella debajo del brazo: La Internacionalización de Terras Gauda.

Nas sesións do mércores e xoves a exportación será o tema principal. No primeiro, a xornada iniciarase ás 18.00 h coas conferencias Apoyos a la Internacionalización. Crédito oficial a la exportación, e Apoyos a la Internacionalización. Cámaras de Comercio, a cargo de Dolores Montero e Pilar Rey respectivamente. Xa o xoves, ás 19.00 h, Carla García tratará o tema Apoyos a la Internacionalización. El IGAPE.

O Marketing online: nuevos formatos y estrategias será o tema do luns 19 ás 16.00 h, a cargo de Javier Barreira. Co fin de achegar a experiencia dunha empresa máis próxima, o martes ás 17.30 h, Ángel Matamoro presentará Pescanova; un referente de empresa internacional.

O mércores 21, último día do ciclo, as conferencias comezan ás 16.00 h con Human Resources in International Trade e Marc Valax como poñente. Síguelle Federico Mintegui, con El seguro en el comercio exterior. Mapa de riesgos de la empresa. A encargada de pechar o ciclo de decembro será Yolanda Rodríguez que, ás 19.45, tratará o tema do Seguro de transporte internacional de mercancías.