DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar os días 21, 22 e 23 de xuño na EUET Forestal

Un congreso abordará a biomasa como alternativa para aproveitar os recursos do monte

Organizado xunto coa Universidade do Minho, dará a coñecer a situación da bioenerxía en España e Por

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 11/06/2010

Case a metade da superficie forestal de España está en Galicia, pero apenas se aproveita un 50% dos seus recursos. Os expertos atribúen isto ao minifundismo e á titularidade privada dos montes, pois só o 2% é masa pública e rexístranse en total 650.000 propietarios. Ademais, a superficie de terreos “a monte” segue medrando a un ritmo anual do 1% debido ao abandono agrario. Luis Ortiz, director da EUET Forestal, achegou hoxe estes datos na rolda de prensa de presentación do I Congreso Ibérico de Biocombustibles Sólidos para destacar a súa importancia, pois ten como principal obxectivo dar a coñecer a situación do sector da bioenerxía en España e Portugal, como unha das opcións máis viables e interesantes para o aproveitamento forestal. Desenvolverase no campus os días 21, 22 e 23 de xuño
“Que a nosa masa forestal siga medrando a monte non é máis que un polvorín para o seu maior problema, os incendios”, subliñou Ortiz, que lamentou que Galicia, malia ter un gran potencial neste sector, segue sendo importadora de madeira porque debido a unha mala xestión do bosque hai moita cantidade, pero de baixa calidade. Neste senso, sinalou que “cómpre sumarse ao carro do futuro como fixeron outros países en Europa” e destacou as vantaxes económicas, ambientais e sociais do aproveitamento enerxético dos montes. “Prevén os incendios, contribúe a que a madeira comercial poida medrar máis saudable e crea emprego”, apuntou.

Oportunidade para o mercado transfronteirizo

Este congreso organízase en colaboración coa Universidade do Minho, polo que Ortiz salientou que é unha máis das múltiples colaboracións con esta institución académica e que será a primeira edición dun “evento que vén para quedarse como punto de encontro do sector industrial, os investigadores e o gran público”.
Secundaron as súas palabras os representantes portugueses, os profesores da Escola de Enxeñaría da Universidade do Minho Manuel Cardoso e José Carlos Fernandes Teixeira, que aludiron á importancia de novos produtos como os pellets para abrir un mercado transfronteirizo. “En Portugal a biomasa ten experimentado un gran crecemento, cunha produción anual de 600.000 toneladas de combustible sólido”, destacou Fernandes Teixeira. No tocante á xestión dos recursos, citou tamén como principal problema en Portugal a fragmentación do terreo forestal, polo que actualmente só se está explotando un 40% da superficie total. Finalmente, definiron o congreso como “un fío impulsor para este sector estratéxico en ambos países” e tamén para articular unha xestión sostible dos recursos forestais.

Dous días de conferencias e un de visitas

En canto ao programa, o día 21 intervirán representantes de universidades e entidades do norte de Portugal. Falarán, entre outros temas, do potencial bioenerxético da súa rexión e das súas madeiras, do mercado de pellets en Portugal e da Central Termoeléctrica de Biomasa da Sertã. A sesión do día 22 estará dedicada a analizar a situación de España, con representantes universitarios e de institucións galegas e estatais. Tratarán temas diversos como o potencial da biomasa forestal primaria, a alternativa dos cultivos enerxéticos leñosos, a súa aplicación enerxética dende o ámbito industrial ao doméstico e os mecanismos de financiamento e subvención.
Desenvolverase unha terceira xornada destinada á realización de visitas aos principais axentes produtores de biocombustibles sólidos en Galicia: a planta de Ence en Pontevedra, a de Finsa en Santiago e a fábrica de pellets de Bastavales (Brión).
Este congreso está dirixido tanto a estudantes, que poden solicitar un crédito de libre configuración, como a profesionais do sector.