DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, este xoves e venres

Un congreso abordará a ditadura de Primo de Rivera co gallo do seu centenario

A actividade está organizada por grupos de investigación da UVigo e a USC

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 13/09/2023

O Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, acolle este xoves e venres a celebración do congreso Revisitando a ditadura de Primo de Rivera. O centenario do golpe de estado de 1923. A cita está organizada polos grupos de investigación de Historia Contemporánea 1 (da Universidade de Vigo) e Hispona e Histagra (da Universidade de Santiago de Compostela) e celébrase tendo en conta que este mércores 13 de setembro cúmprense os cen anos do citado golpe de estado.

O congreso, explica Luis Velasco (UVigo), director do evento xunto a Margarita Barral (USC), quere “abordar os avances interpretativos que se teñen feito desde o eido historiográfico nos últimos anos” sobre o citado período histórico e desde unha perspectiva comparada, no marco “dun momento de creba democrática e comezo de ascenso dos autoritarismos tamén fóra de España”. Trátase, afirma o historiador, de “mirar con ollos globais todo este proceso, desde o momento do seu nacemento ata o momento da súa disolución e durante todos os anos que durou a ditadura”. Segundo lembra o historiador, o golpe de estado de 1923 “en España supón a suspensión da normalidade constitucional, un momento de creba da lexitimidade do sistema que saíra da Constitución de 1876 e un punto de inflexión para a historia da monarquía en España”.

Dous días de programación

Ao longo dos dous días de actividade, o congreso contará con relatorios dos historiadores galegos Ramón Villares e Xosé M. Núñez Seixas e de Alejandro Quiroga (Universidad Complutense de Madrid), que vén de publicar unha biografía sobre Primo de Rivera, e de Eduardo González, catedrático da Universidad Carlos III de Madrid. Tamén haberá comunicacións de investigadores de diversas universidades que abordarán diferentes aspectos da citada ditadura na Coruña e en Cantabria, o tratamento de Marrocos na prensa militar ou a organización militar.

Desde a dirección do congreso tamén se destaca o acaído que resulta a abordaxe da temática proposta “no marco dun momento xeral en Europa e no mundo no que se está a producir un punto de inflexión”. Así, indica Luis Velasco, “en 2023 atopámonos nun contexto no que precisamente algúns dos actores políticos que estiveron presentes na ditadura de Primo de Rivera, na creba constitucional que se produciu en 1923, pois están sobre a mesa, como son o empuxe dos nacionalismos periféricos, a resposta do nacionalismo español ou unha certa crise institucional”. Facer paralelismos ao falar de historia, subliña o docente, “sempre é algo que hai que tomar con pinzas pero si resulta interesante que cen anos despois dese golpe de estado poidamos ver que o réxime constitucional de 1978 aínda ten algunhas cuestións pendentes que xa tiña o réxime constitucional de 1876”.