DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle o Galicia Sportech Congress

Un congreso achega ao campus as principais innovacións tecnolóxicas no eido deportivo

Coa participación de máis de 70 conferenciantes e de 60 empresas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/06/2023

Con máis de 250 inscritos e inscritas e a participación de máis de 60 empresas, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle este martes e mércores o Galicia Sportech Congress, un evento centrado na aplicación das novas tecnoloxías ao deporte promovido polo Concello de Pontevedra e as empresas Diesemm e Hubin, coa facultade, a Deputación de Pontevedra e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar como patrocinadores institucionais. Coa participación como conferenciantes de máis de 70 profesionais, este evento busca pór o foco, a través dunha serie de conferencias, mesas de debate, presentacións e demostracións nas innovacións que se están a desenvolver nesta industria, nun contexto marcado pola transformación dixital.

Tras arrancar este luns cunha xornada virtual, o congreso celebrou na mañá deste martes o seu acto inaugural, no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o decano da facultade, Óscar García; a xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte, Sofía Toro; e os coordinadores do evento, David Suárez e Lalo García. “Non cabe dúbida de que a tecnoloxía pesa cada vez máis na práctica profesional do exercicio, na práctica de actividade física e na investigación, onde necesitamos instrumentos que nos permitan medir de forma rigorosa, válida e fiable todas aquelas variables coas que traballamos”, salientou o decano neste acto. García agradeceu que o lugar escollido para levar a cabo a terceira edición deste congreso fose o centro “onde se forman os futuros preparadores físicos, readaptadores, xestores deportivos ou profesores de educación física”. Nese senso, incidiu na importancia para a facultade dunha colaboración que permite o acceso gratuíto do alumnado a este congreso e agardou que esta teña continuidade nun futuro, ao permitir xerar “unha experiencia practicamente de vasos comunicantes” entre as empresas do sector e os profesionais “que finalmente van usar toda esa tecnoloxía”.

Nesa conexión incidiron tamén os organizadores deste Galicia Sportech Congress, que explicaron que, alén dos 250 inscritos e inscritas, o congreso está a ser seguido de xeito virtual desde doce países. “Imos ter deportistas, clubs, federacións, clústeres, empresas de tecnoloxía e estudantes, coa idea de que todos poidamos interactuar”, sinalou Lalo García. Como explicou, no programa deste evento combínanse unha serie de conferencias dirixidas a “coñecer as tendencias da innovación no deporte”, cun espazo, situado no ximnasio do centro, “onde poderemos realmente probar esas tecnoloxías”, ao que se suma tamén un “punto de encontro” entre os representantes das diferentes empresas participantes. O alcalde, pola súa banda, explicou que esta iniciativa insírese no proxecto Pontevedra Lab e na aposta da cidade por “estar na vangarda en moitos aspectos relacionados coa calidade de vida”, como é o fomento da práctica deportiva. 

Da nutrición deportiva ao traballo co ‘big data’

O congreso botou a andar este luns cunha xornada de carácter virtual, que englobou unha serie de mesas redondas sobre innovación no deporte, nas que participaron, entre outros, o representante do Comité Olímpico Danés, Niels Henrik Sorensen; o representante de LaLiga nos países nórdicos, Juan Fuentes, ou o director de innovación do Sevilla FC, Juan Esteban Gómez. Xa de xeito presencial, o programa deste martes abríase, tras a inauguración, cun relatorio sobre a transformación dixital no deporte a cargo do xestor de proxectos dixitais do FC Barcelona, José Beltrán, e cunha mesa redonda sobre tecnoloxía e “cociña deportiva profesional”, na que interviñeron, entre outros, o futbolista Denis Suárez, de xeito virtual, a representante da Gasol Foundation Cristina Ribes e o catedrático da UVigo e experto en nutrición deportiva Federico Mallo.

Por outra banda, para a xornada do mércores están previstos unha serie de relatorios sobre gaming e deportes electrónicos ou unha entrevista ao cinco veces campión do mundo de triatlón Javier Gómez Noya. Así mesmo, xunto a outra serie de actividades como exhibicións, o evento contará tamén na tarde do mércores cunha mesa sobre big data e análitica avanzada no deporte profesional, nas que intervirán, entre outros, expertos neste eido do deportivo da Coruña, o Obradoiro CAB e a Federación Europea de Balonmán.