DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de 40 especialistas neste eido procedentes, principalmente, de España e Italia

Un congreso analiza as consecuencias laborais e de propiedade intelectual e industrial “da revolución dixital” da intelixencia artificial

Organizado por docentes da Facultade de CCXX e do Traballo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Académica
DUVI 07/07/2023

Segundo o Índice Europeo de Economía e Sociedade Dixitais, DESI, España pasou nos últimos cinco anos de estar no posto 10 de Unión Europea ao número 7 e, de acordo coas estatísticas robóticas, España é o país número 14 do mundo e 4 na UE en número de robots implantados na súa economía. “Somos, aínda que non o parezamos, unha potencia robótica sobre todo na industria automobilística”. Así o explicaba María Luz Rodríguez Rodríguez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Castilla La Mancha, na apertura da segunda xornada do congreso O impacto da intelixencia artificial no Dereito do Traballo e da Propiedade Intelectual e Industrial, organizado polo grupo de investigación DMT da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Este contexto de cambio fai necesaria e urxente unha reflexión sobre o impacto que esta revolución dixital ten, e terá cada vez máis, tanto no eido das relacións laborais como no da propiedade intelectual e industrial. Estes son os dous aspectos que se analizan neste simposio que reúne estes días en Vigo a 40 especialistas, sobre todo de España e Italia, coordinado polos profesores do Departamento de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo Rosa Rodríguez Martín-Retortillo e Pablo Fernández Carballo-Calero.

O congreso arrancou na tarde de onte xoves no edificio de sesións da Autoridade Portuaria de Vigo, centrándose principalmente no eido da propiedade intelectual e industrial, prestando especial atención aos problemas de autoría e patentabilidade das obras realizadas por IA. A xornada deste venres trasladouse ao edificio Redeiras, sede institucional da UVigo na cidade, e puxo o foco no eido do Dereito do Traballo, con ponencias sobre a utilización de IA para a xestión de recursos humanos e abordando, en particular, os riscos que implica o uso de algoritmos e os nesgos discriminatorios que poden conter na súa configuración. 

O evento encádrase, como explica a profesora Rodríguez Martín-Retortillo, no marco do proxecto Retos para un mercado de traballo equitativo, sostible e aberto á competencia no contexto da nova economía e da dixitalización, que desenvolve o grupo DMT, formado por persoal investigador da Área de Dereito do Traballo e a Área de Dereito Mercantil. Este grupo, recoñecido como Grupo de Potencial Crecemento pola Xunta de Galicia, “ten por obxecto a análise do marco xurídico das actividades económicas nas que as relacións e interaccións entre a normativa laboral e mercantil é máis intensa e, en ocasións, conflitiva”. Como explica Rodríguez Martín-Retortillo, entre as múltiples liñas de traballo que están a desenvolver está o impacto da dixitalización nas relacións de traballo, e ao abeiro dela xurde a idea de organizar este congreso.

A xornada do venres, centrada no eido laboral

Despois dunha primeira xornada centrada en analizar a patentabilidade e a propiedade das obras xeradas por IA, hoxe venres o congreso arrancou cun panel de debate moderado polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo Jaime Cabeza Pereiro. Nel interveu María Luz Rodríguez Rodríguez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Castilla La Mancha, unha especialista, como destacaba na súa presentación o profesor Cabeza, que atesoura “cunha actividade desbordante no mundo das relacións laborais e unha das persoas que está liderando o debate a nivel español sobre as consecuencias laborais da revolución dixital, da robotización e da intelixencia artificial”. Cabeza destacou a súa “intensa dedicación pública”, ostentando no pasado o cargo de conselleira de Emprego de Castilla La Mancha e de secretaria de Estado do Ministerio de Traballo con Valeriano Gómez. “Moi activa en foros internacionais e en particular na Organización Internacional do Traballo”, na actualidade está moi implicada na “elaboración dun documento fundamental sobre o traballo decente na economía de plataformas, un tema enormemente ligado coa temática deste congreso”. Na súa intervención centrouse en analizar o impacto que ten e, que sobre todo, terá a robotización no emprego, especialmente en determinados sectores que serán máis vulnerables a esta revolución. A experta remarcou que para que este sexa un tema de interese para un país, é preciso que ese país teña xa un certo desenvolvemento tecnolóxico, e entre outros datos, referiuse á Enquisa sobre o uso das TIC e o comercio electrónico nas empresas, un estudo de 2022 que sinala que arredor dun 12% das empresas de España empregan xa big data e intelixencia artificial. “A situación sobre o desenvolvemento tecnolóxico de España é boa, pero irá incrementándose”, é unha aposta gubernamental que se recolle no Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia e no reparto dos fondos Next Generation. Con todo, destacou a experta que son as grandes empresas as que concentran boa parte deste esforzo de automatización, dixitalización e incorporación da IA. 

Segundo Rodríguez esta revolución tecnolóxica implica retos e tamén oportunidades, e salientou a necesidade de debater sobre as vantaxes da dixitalización e canalizar os inconvenientes do uso da tecnoloxías. Defende que a tecnoloxía en si non é boa nin mala, o determinante é o uso que se fai dela, por iso defende a necesidade dun debate serio e fondo sobre como minimizar os riscos e potenciar as vantaxes.

A segunda convidada da xornada foi Aída Ponce del Castillo, investigadora do European Trade Union Institute (ETUI), que se centrou na IA e a xestión algorítmica do traballo. “Especialista na fronteira entre a ciencia e a tecnoloxía”, como a presentaba o catedrático Jaime Cabeza, as súas achegas céntranse nas implicacións éticas, sociais e legais das tecnoloxías emerxentes. Ponce ten ocupado postos en diferentes comités especializados da Comisión Europea e é membro de varios grupos de traballo da OCDE sobre bioteconoloxía, nanotecnoloxía e tecnoloxías converxentes.   

Tras unha pausa, iniciouse o segundo panel de ponencias, moderado por Belén Fernández Docampo, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, coa intervención de dous especialistas italianos: Federico Martelloni, profesor da Università di Bologna e Valeria Nuzzo, da Università degli studi della Campagna Luigi Vanvitelli. O primeiro centrouse nas decisións automatizadas e discriminación e o segundo sobre a incidencia da intelixencia artificial na cualificación do contrato, tanto autónomo como subordinado.
O congreso concluíu coa presentación de comunicación, unha sesión que foi moderada polo profesor da UVigo Alexandre Pazos.