DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase do 7 ao 9 de maio no Pazo da Cultura

Un congreso de ciencias do deporte reunirá na cidade 400 expertos de España, Reino Unido, Cuba e México

A educación física e a infancia, un dos eixos principais do debete

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 27/03/2015

Das diferencias que existen nos métodos de adestramento entre os atletas españois e os kenyanos á importancia do deporte para a saúde e o desenvolvemento dos nenos e nenas, sen deixar de lado a aplicación das novas tecnoloxías á practica da actividade física ou do que pode achegar ao rendemento deportivo o control da frecuencia cardíaca. Moitos serán os eixos temáticos do XI Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Educación Física, que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 7 e o 9 de maio e que avoga por un enfoque multidisciplinar como o mellor xeito de actualizar coñecementos “nun ámbito no que todo avanza a pasos axigantados”, como resalta o director xeral do seu comité organizador, Víctor Arufe. Promovido polo Concello, a Vicerreitoría do campus, a asociación Sportis Formación Deportiva e o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña, este congreso internacional agarda poder reunir un ano máis a preto de 400 persoas nunhas xornadas que contarán con relatores chegados do Reino Unido, México ou Cuba.

“Hoxe en día, atopámonos nun mundo cambiante e tanto as novas tecnoloxías como os avances realizados noutras ciencias inflúen directamente nos conceptos e fundamentos das áreas relacionadas coa educación física e o deporte”, destaca o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidente do comité organizador, José Luis García Soidán, que incide no enfoque multidisciplinar como un dos principais valores dun congreso que trata de achegar a alumnado, titulados e profesionais unha visión o máis ampla posible do que significan as ciencias do deporte. Non en van, como sinala Arufe, profesor da Universidade da Coruña, a práctica de actividade física “é un fenómeno sociocultural, polo que sempre xorden novos métodos de adestramento e novas tendencias deportivas, o que obriga a estar en constante renovación e actualización”, tendo en conta ademais que este é un eido "que se nutre de distintos ámbitos, polo que é preciso saber un pouco de nutrición, de medicina, de biomecánica, de antropoloxía...”

Deporte e infancia, un dos eixos do debate

Once conferencias plenarias e dez talleres de especialización conforman o programa dun congreso que permite aos asistentes “coñecer e participar dos últimos avances relacionados coas ciencias aplicadas ao deporte, así como adquirir uns coñecementos que poden axudarlles no seu futuro desenvolvemento profesional”, salienta García Soidán. Estruturado en seis áreas temáticas, que abranguen da saúde e o tempo libre á xestión ou o rendemento deportivo, na décimo primeira edición deste simposio porase especial atención aos aspectos vinculados coa educación física a infancia. “Aínda que todas as áreas relacionadas coas ciencias do deporte teñen a súa representación, este ano trátase de forma especial a aprendizaxe de conceptos relacionados coa actividade física e o adestramento dos nenos, xa que son temas moi importantes, que os futuros profesionais deben coñecer polas súas repercusións a medio e longo prazo e porque, de tratarse de forma inadecuada, poderían provocar trastornos para a saúde dos nenos”, destaca este docente. De aí que deporte e infancia centren, por exemplo, os relatorios do mexicano Ausel Rivera ou da profesora da Universidade de Vigo Margarita Pino, ao tempo que tamén serán abordados por Gladys Bequer, do Instituto Nacional do Deporte, Educación Física e Recreación de Cuba, ou polo investigador Joan Rius, que falará das “aprendizaxes tóxicas” en materia deportiva de nenos e adolescentes.

Mais a amplitude temática deste congreso permite que os aspectos máis vinculados co deporte e a saúde convivan co uso de ferramentas tecnolóxicas, como o GPS, na práctica deportiva ou cos últimos avances nas investigacións relacionadas co rendemento deportivo. Neste último campo destaca por exemplo a presenza de investigadores como Arturo Casado, “un atleta internacional que para a súa tese de doutoramento está comparando os métodos de adestramento dos atletas kenyanos e españois”, ou o de Roger Ramsbotton, da Brookes Oxford University, que falará da monitorización da frecuencia cardíaca, “un parámetro moi importante á hora de definir a carga de adestramento, xa que permite saber se o deportista está traballando por debaixo das súas posibilidades”, explica Arufe.

Da teoría á práctica

Nutrición, educación física, primeiros auxilios ou prevención de lesións serán algúns dos temas a abordar nos dez cursos de especialización que completan este congreso, dez propostas de carácter teórico-práctico que “permiten unha maior interacción cos asistentes”. Como apunta Arufe, desenvolveranse de xeito simultáneo cinco talleres na tarde do xoves e outros cinco na mañá do venres, de tal xeito que as persoas interesadas poden sumar a súa inscrición no congreso a asistencia a un máximo de dous destes seminarios.

Porta de entrada á divulgación científica

Explica García Soidán que un dos “principios orixinarios” deste congreso era que servise ao alumnado como “un foro adecuado para introducirse no mundo da divulgación científica”. Neste senso, a organización agarda acoller, a través de comunicación e pósters, a presentación de preto de 150 traballos de investigación, ao que axuda a modalidade de inscrición a distancia, que permite a investigadores e investigadoras de calquera lugar do mundo presentar neste foro os seus proxectos sen ter que desprazarse ata Pontevedra. Así mesmo, segundo anuncia Arufe, os resumos de todos os estudos presentados serán recollidos nun número especial da Revista Técnico-Científica do Deporte Escolar, Educación Física e Psicomotricidade, o que contribuirá a “dar difusión ao coñecemento científico que xere o congreso e tamén a proxectar o traballo do alumnado”.