DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola UVigo, celébrase dende hoxe mércores e ata o venres

O congreso EUNIS reúne en Vigo 210 asistentes de 24 países para debater sobre a transformación dixital das universidades europeas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • ATHENA
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • TIC
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/06/2023

O auditorio Mar de Vigo acolle dende hoxe mércores e ata o venres a cita anual de EUNIS, a organización europea de sistemas de información universitarios. Esta edición, coordinada pola Universidade de Vigo, ten como lema Universidades europeas e transformación dixital. Retos e oportunidades e nela participan 210 asistentes de 24 países, principalmente de Europa, como destaca Marín López Nores, docente da EE de Telecomunicación e responsable do comité organizador xunto co tamén docente do mesmo centro Juan José Pazos, director da Área de Transformación Dixital da UVigo. 

En total, nestas tres xornadas presentaranse arredor de 60 ponencias e os debates centraranse en tres temas principais: intelixencia artificial, ciberseguridade e alianzas europeas de universidades, como explicaba no acto de apertura o presidente de EUNIS, Raimund Vogl. Na inauguración participaron tamén o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, xunto coa concelleira e docente tamén da Universidade viguesa Ana Mejías.

Vogl foi o encargado de dar a benvida aos máis de douscentos asistentes a este vixésimo noveno congreso de EUNIS, asociación que, como el mesmo lembraba, naceu en 1993 como punto de encontro dos responsables da xestión, desenvolvemento e políticas de tecnoloxías da información na educación superior en Europa, co obxectivo de contribuír á mellora dos sistemas de información de alta calidade. O reitor, pola súa banda, quixo lembrar que a proposta de Vigo como sede deste 29 congreso de EUNIS tivo o seu xermolo no vicerreitor Manolo Ramos e, tras o seu falecemento, foron os profesores Pazos e López Nores os que tomaron a remuda, algo que lles agradeceu agarimosamente, estendendo este recoñecemento a todas as persoas que formaron parte do comité organizador. Pola súa banda, a concelleira de I+D e Dinamización Administrativa, Ana Mejías, trasladoulles ás persoas asistentes o saúdo do Concello e do seu alcalde, Abel Caballero, e remarcou o importante que é para a cidade acoller congresos coma este da man da UVigo, porque “as universidades teñen un papel transcendental neste novo ecosistema conectado e dixital, onde os valores do humanismo deben guiar os avances científicos e tecnolóxicos”.

Un foro para avanzar na xestión das universidades

O congreso está pensado como un foro para “as persoas que traballan na xestión e gobernanza das universidades e que teñen poder de decisión á hora de xestionar os recursos tecnolóxicos” destas, como explica López Nores. O obxectivo é presentar e publicar os últimos resultados da investigación, desenvolvemento e implantación de tecnoloxías e sistemas da información para Institucións de Educación Superior (IES) e intercambiar perspectivas e experiencias en relación á transformación dixital das universidades europeas, co propósito de avaliar estratexicamente os retos e oportunidades nunha era de novas preocupacións sobre a demografía, a mobilidade, a enerxía e a soberanía dixital. 

O programa EUNIS 2023 comprende presentacións orais, presentacións de pósters, mesas redondas, relatorios, sesións prácticas e exposicións que o configuran “un dos eventos máis importantes de Europa neste eido”. Como explican os organizadores, “non ten unha perspectiva investigadora, senón que está orientado á toma de decisións estratéxicas no que atinxe á xestión das universidades europeas en canto á súa dotación tecnolóxica, agora que estamos nun contexto de dixitalización da educación e de mobilidade internacional”. 

Tres eixos centrais: a gobernanza, os sistemas de información e a docencia e I+D

O congreso artéllase arredor de varias temáticas. Por unha banda, preséntanse ponencias arredor da gobernanza e as políticas para a educación superior e a investigación, abordando temas como a arquitectura empresarial cara a un conxunto europeo de servizos de Institucións de Educación Superior, fluxos de traballo dixitais, ciencia aberta, cooperación internacional dentro e fóra de Europa, ética, protección de datos e confianza, soberanía dixital, etc. Un segundo bloque temático é o que xira arredor do deseño, desenvolvemento e implantación de sistemas de información tanto para a xestión interna, como para a cooperación interinstitucional ou para o teletraballo, a seguridade da información, a intelixencia artificial ou o benchmarking. Finalmente, outra liña temática comprende relatorios sobre aprendizaxe, docencia e investigación, abordando aspectos como o apoio informático á investigación, as tecnoloxías educativas para a aprendizaxe e a avaliación, a aprendizaxe híbrida e mixta ou as tecnoloxías AR/VR e metaverso na educación superior. 

ATHENA e as universidades europeas na conferencia de apertura

Tras o acto de apertura celebrouse a conferencia de apertura, a cargo de Nuno Escudeiro, profesor do Departamento de Informática da Escola de Enxeñaría do Instituto Politécnico do Porto e coordinador da Universidade Europea ATHENA, consorcio do que a Universidade de Vigo forma parte. No seu relatorio explicou a experiencia da posta en marcha desta universidade europea, a súa estrutura e obxectivos e tamén analizou de xeito máis xeral a gobernanza e as tecnoloxías da información nas alianzas universitarias europeas.