DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de xuíces, fiscais, avogados e funcionarios e tamén de alumnado

Un congreso internacional aborda no campus o impacto dos avances tecnolóxicos no sistema penal

Entre os principais desafíos, o uso de datos persoais, a IA ou a sofisticación da cibercriminalidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Académica
M. Del Río DUVI 19/10/2023

Nos últimos anos, a tecnoloxía favoreceu a transformación da xustiza e supuxo no eido concreto do Dereito Procesual un importante número de cambios, sometendo o proceso penal a unha serie de modificacións de gran calado. Para abordar este contexto de constantes e profundos cambios, o campus de Vigo acolle hoxe xoves e mañá venres un Congreso internacional sobre os Desafíos da xustiza penal na era dixital. Dirixido pola catedrática Esther Pillado, o simposio reúne na Facultade de Ciencias Xurídicas do Traballo a xuíces, fiscais, avogados, funcionarios e operadores en xeral do sistema penal, así como teóricos e estudantes. O obxectivo é analizar, como explica a catedrática Esther Pillado, “os principais problemas do sistema de xustiza criminal que a transformación tecnolóxica e dixital implica, e os retos e riscos que se albiscan, así como as numerosas cuestións que van a verse afectadas por esta, como a afectación dos dereitos fundamentais”.

Unha nova realidade tecnolóxica

A profesora Pillado explica que “os rápidos avances tecnolóxicos que experimentamos día a día en case todos os campos da vida tamén dan lugar a transformacións radicais na xustiza penal”. Esta nova realidade tecnolóxica incide de maneira directa nas formas nas que se manifesta a criminalidade e na utilización da tecnoloxía na comisión do feito delictivo, “o que evidencia a necesidade de actualizar o réxime xurídico e esixe que a Lei de Enxuizamento Criminal sexa adaptada e desenvolvida progresivamente”. Pero ademais, engade a catedrática, “non se pode esquecer que son moitos os exemplos “de como a contorna tecnolóxico e dixital que nos acompaña ten e terá un forte impacto no sistema de xustiza”. Neste sentido, asume que se debe partir “dunha realidade incuestionable: o Dereito sempre irá por detrás da tecnoloxía, o que fai que moitas desas iniciativas nazan desfasadas. A tecnoloxía evoluciona rapidamente creando novos desafíos que necesitan unha nova cobertura xurídica”.

Por outra banda, tamén lembra que a tecnoloxía tamén pode favorecer e garantir un maior acceso á xustiza, polo tanto, “os importantes desafíos que plantexa o uso da tecnoloxía na requiren dunha análise dos beneficios e riscos para os dereitos fundamentais e as liberdades públicas”. A pesar das claras vantaxes destas ferramentas tecnolóxicas, engade, “é necesario definir os límites dentro dos cales podemos xustificar o seu uso, así como as garantías procesuais necesarias para garantir o correcto cumprimento”. Precisamente estes son algúns dos temas que se abordar no congreso a través de relatorios e mesas redondas de expertos e expertas de universidades de todo o Estado e de Portugal e tamén de xuristas do Tribunal Supremo ou da Audiencia Nacional, entre outras institucións.

Entre os principais desafíos, a Intelixencia Artificial

Sobre os que son e poden ser o principais desafíos da xustiza penal en relación coa revolución tecnolóxica, a profesora Pillado González apunta aos “progresos científicos nas técnicas de identificación, a utilización dos datos persoais, a intelixencia artificial e os algoritmos, a sofisticación da cibercriminalidade, a proba electrónica, a dixitalización da xustiza ou o novo escenario dunha sociedade virtual que, sen as avanzadas formas de comunicación telemática, non pode ser entendida”. 

Precisamente, a intelixencia artificial será un dun dos eixos centrais que se abordan neste congreso. Como explica a catedrática, “resulta incuestionable que a aplicación da IA esixe e vai esixir un enorme esforzo na tarefa lexislativa, en orde a dotar da máis adecuada e exhaustiva regulación a todos aqueles aspectos tanto referidos ao seu uso como ao seu abuso, que afectan a todos os ámbitos da vida e, polo tanto, tamén ao Dereito en xeral e ao Dereito Procesual en particular”. Considera que esta non será unha tarefa sinxela e apunta tamén a que non pode ser abordada de maneira illada por cada Estado, senón que será precisa unha resposta normativa global, como xa se está a poñer de manifesto na órbita da UE.

Neste sentido, a profesora Pillado recalca que a xustiza atópase nun período de cambio no que a intelixencia artificial vai constituír un instrumento de axuda tanto para previr a delincuencia como nas distintas fases do proceso xudicial, “pero non pode erixirse nun elemento de aplicación automática. Débese partir dun control humano da mesma e garantir o respecto aos dereitos fundamentais”.