DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita desenvolverase do 23 ao 25 de novembro no Auditorio Municipal

Un congreso internacional afondará en Ourense na prevención, tratamento e control do consumo de cannabis

Organizado pola UVigo, Socidrogalcohol e a Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 15/11/2023

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá do 23 ao 25 de novembro a celebración do IV Congreso internacional sobre prevención, tratamento e control do consumo de cannabis. A cita está organizada pola Universidade de Vigo (Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade); por Socidrogalcohol (Sociedad Científica Española de Estudios sobre el Alcohol, el Alcoholismo y las otras Toxicomanías) e a Xunta de Galicia (Consellaría de Sanidade), contando coa colaboración e patrocinio doutras entidades.

Máis de 300 persoas inscritas

O número de persoas inscritas ascende a 210 presenciais e 115 on line. A cita preséntase como “unha iniciativa científica que pretende aglutinar a profesionais sanitarios, do ámbito xudicial e da educación, estudantes das ramas socio-sanitaria e todas aquelas persoas interesadas en dar unha resposta aos problemas derivados do consumo de cannabis". Segundo indican desde a súa organización, “pór en común os crecentes coñecementos sobre o consumo de cannabis, ben illado ou en asociación con outras substancias psicoactivas, pode ser de grande utilidade para todas aquelas persoas que na súa actividade laboral vense, directa ou indirectamente, afectadas polo mesmo: profesionais da medicina, psicoloxía, enfermaría, docencia, así como outros profesionais doutras disciplinas que traballan neste campo”.

Neste congreso, presidido por Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública (Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia) e Manuel Isorna, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, abordarase a través de diferentes seminarios, mesas redondas e conferencias, a prevención, o tratamento e o control do consumo de cannabis, contando coa participación dun amplo panel de especialistas. Nel terase especialmente en conta a perspectiva de xénero, “tentando evitar o androcentrismo tan habitual no estudo das condutas aditivas” e o consumo e as súas consecuencias sobre o cerebro e o estilo de vida na adolescencia. “Este congreso pretende ser un lugar de traballo e intercambio de saberes e de respaldo, que poida ser tamén útil a todas aquelas persoas cunha responsabilidade educativa directa, a quen realiza actividades de voluntariado con poboación xuvenil e a quen exercer postos de responsabilidade civil nas administracións”, sinalan desde a organización.

A substancia ilegal máis consumida

O cannabis, lembran desde o congreso, continúa sendo a substancia ilegal máis consumida tanto en España como no conxunto dos países da Unión Europea. En 2020, detallan, aproximadamente 591.798 persoas de 15 a 64 anos tiveron un consumo problemático de cannabis, o que se corresponde co 1,9% de toda a poboación desa franxa de idade, sendo maior a porcentaxe entre os homes (3%) que entre las mulleres (0,9%) e entre os menores de 34 anos (3,4%) que entre os maiores desta idade (1,2%), segundo datos OEDA de 2022. Respecto a Galicia apuntan cifras tales como que o 28,9% do alumnado (14-18 anos) consumiu cannabis algunha vez na vida e o 23,7% no último ano, datos lixeiramente por riba dos obtidos a nivel estatal. Tamén, engaden, obsérvase un consumo problemático de cannabis do 17,3% entre os estudantes que consumiron dita substancia no último ano en Galicia (17,8% en España).