DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 15 ao 17 de outubro, organizado polo Departamento de Tradución e Lingüística

Un congreso internacional analizará en Vigo os avances dos últimos anos nas políticas editoriais e de tradución

O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o martes día 14

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/10/2008

Os avances das políticas editoriais e de tradución son un feito indiscutible. O camiño andado nos últimos anos de cara á normalización da lingua está a converterse nun tema de grande actualidade que a vindeira semana será analizado en Vigo no II Congreso Internacional de Tradución e Políticas Editoriais, organizado dende o Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade. Esta segunda edición pretende darlle así continuidade ao congreso celebrado en 2004 e centrado na literatura infantil e xuvenil e no que se deron cita profesionais e especialistas de diversas universidades europeas e estatais.
Catro anos despois, o escenario é o idóneo para analizar os cambios xurdidos neste corto período de tempo que, no campo da tradución e da edición, deu moito de seu. Segundo explica Silvia Montero, organizadora do congreso xunto con Ana Luna, Liliana Valado e Alicia López, “en Galicia, cunha lingua minorizada, este é un ámbito activo que está a cambiar moito, e catro anos danos unha marxe para estudar a evolución das diferentes políticas editoriais, sobre todo dende a perspectiva das administracións”.

Un congreso multidisciplinar

Destinado principalmente a profesionais do eido da tradución e da edición, o congreso está aberto tamén ao alumnado, sobre todo da licenciatura de Tradución e Interpretación e “a nosa idea é abrilo máis aló de Galicia”, explica a profesora Ana Luna. Neste sentido, as organizadoras salientan que “os profesionais do sector non son unicamente tradutores e editores, senón tamén persoal dos servizos de normalización lingüística e todo o que teña que ver coas administracións dende o punto de vista das edicións e traducións”.
No que se refire aos contidos, as propostas son variadas centrándose fundamentalmente na política editorial da tradución dentro e fóra de Galicia, aínda que tamén estará presente o campo profesional, “no que se afondará nos dereitos e deberes dos profesionais do sector, xa sexan tradutores, correctores, revisores, etc.”, subliña Luna.
Con todo, tamén haberá un achegamento á situación deste campo en Europa e nos EEUU, de onde procede un dos relatores, Edwin Gentzler, director do Centro de Tradución e profesor de Tradución na Universidade de Massachusetts.

Anos de profundos cambios

“A tradución está de moda. As políticas editoriais da Xunta de Galicia favorecen a tradución tanto dende o galego como cara ao galego pero, a nivel de estatísticas, segue habendo eivas, non só no número de volumes publicados senón principalmente nas temáticas”, destaca Liliana Valado. Así, o obxectivo deste congreso é analizar o camiño andado cara a normalización da lingua e o que aínda queda por percorrer. “A tradución, tanto en Galicia como fóra dela, depende en grande medida das políticas editoriais e das axudas das administracións”, subliña. Non se trata dun política agresiva de venda de libros como produto industrial, senón que a carga de produto cultural que ten implica toda unha engrenaxe de subvencións. Así, a achega máis importante é a da administración pública para unha lingua minorizada como é o galego, sobre todo no caso de textos contemporáneos, para os que hai que mercar dereitos de autor.
Segundo explica Ana Luna, “percibimos, dende que celebramos o primeiro congreso ata hoxe, que hai unha aposta forte por parte das editoriais e da administración por conseguir que as cousas cambien. En 25 anos de democracia e de normalización lingüística neste país non se fixo nunca unha aposta tan importante polo sector en xeral como se está a facer na actualidade”.
Neste tempo un dos grandes avances no campo da tradución foi a súa profesionalización. “O cambio brutal foi a partir dos anos 90, non só porque se desenvolve o sector como tal e se profesionaliza, senón tamén porque todos os axentes implicados, dende quen dirixe ata quen edita e quen traduce, tamén van nesta liña”, explica Valado.

Un pulo á literatura contemporánea

Outra das apostas significativas nestes últimos anos é a literatura contemporánea traducida cara o galego da que antes non se dispoñía. “Antes a aposta era polos clásicos, probablemente porque non hai que pagar dereitos e pode competir perfectamente co castelán”, apunta Ana Luna e engade que “hai que pensar que un lector non se move só por voluntarismo político e lingüístico, tamén hai que ofrecerlles un prezo competitivo no mercado e diso son moi conscientes xa as editoriais".
Para as organizadoras do congreso hai un punto común de traballo no que hai que avanzar: a tradución non literaria. “É a máis coñecida e a que ten máis visibilidade e prestixio, e non só en galego, pero consideramos que, dende un punto de vista normalizador, é fundamental que existan textos en galego que veñan doutros ámbitos e espazos, que pertenzan a outros campos do coñecemento tan variados como a astronomía, a gastronomía ou a botánica. Textos científicos ou de ensaio, de xeito que teñamos acceso ao coñecemento, ao que se fai fóra de aquí, en galego”, explican.

Aposta pola formación de profesionais

Se o campo editorial carecía tradicionalmente de profesionais, nos últimos anos abasteceuse das sucesivas promocións que saíron da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade. Un bo exemplo deste cambio do sector de cara á especialización é a propia Liliana Valado. Titulada en Tradución e Interpretación, despois de pasar polo marcado laboral, agora é profesora no centro no que se formou. Na súa opinión, “por unha cuestión histórica, os labores de tradución realizábanos autores que escribían en galego e tiñan competencias nas dúas linguas, na de orixe e na de meta”. Cando chega a primeira promoción ao mercado atópase con esa situación, os criterios non son profesionais, hai moita colaboración e iniciativa persoal por cuestións políticas e de divulgación da lingua, unha edición moi dependente dos grandes nomes da literatura en lingua galega. “Non primaban os criterios profesionais e a saída de titulados tivo de bo que, ata certo punto, coñecemos os nosos dereitos como profesionais e non esquecemos que esta é unha profesión da que queremos tentar vivir. Así normalizamos criterios como competencias, tarifas, prazos de entrega, etc.”
Pero ademais da profesionalización, a calidade da tradución viuse aumentada polo feito de que os licenciados teñen a capacidade de traducir dende a lingua orixinal sen pasar polo castelán. Segundo conclúe Ana Luna, “para nós é indiscutible que é así como teñen que ser os traballos de tradución”.

Máis información na web do congreso http://webs.uvigo.es/trapo/