DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente da Universidade contribuíu ao lanzamento e consolidación da conferencia

O congreso internacional sobre ensino de enxeñaría EDUCON recoñece ao profesor Martín Llamas

A última edición celebrouse en Estonia co participación de 300 investigadores

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 15/04/2015

Como “un foro excepcional para poñer en común os últimos avances no ensino da enxeñaría a nivel internacional, onde se reúnen os máis prestixiosos investigadores para expoñer os últimos avances e traballos”, describe o profesor e investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo Martín Llamas o IEEE Global Engineering Education Conference, EDUCON, o congreso sobre ensino de enxeñaría que organiza o Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos (IEEE), a maior asociación profesional do mundo dedicada a promover a innovación e a excelencia tecnolóxica. Xurdida en 2010, EDUCON naceu para da resposta á necesidade de dotar a Europa dunha conferencia que por aquel entón só existía no ámbito norteamericano. “Era necesario ter un congreso de educación da enxeñaría pero máis centrado en Europa, onde compartimos moitos temas máis estreitamente que con América, e máxime desde a implantación do proceso de Boloña”, explica Llamas, que durante tres das seis edicións de EDUCON foi co-presidente xeral, o máximo responsable da organización do congreso.

Este traballo de tres años do docente e investigador da Universidade de Vigo a prol do lanzamento e consolidación do congreso vén de ser recoñecido por parte dos responsables de EDUCON, que tralo seu por Marrocos, Alemaña e Turquía, celebrouse este ano en Tallin, Estonia, onde se reuniron 300 investigadores e se presentaron 163 relatorios a través de catro sesións paralelas, nas que se abordaron os últimos avances no ensino e aprendizaxe na enxeñaría, métodos de aprendizaxe, materiais e experiencias innovadoras, avaliación electrónica e novas teorías de avaliación, modelos aprendizaxe ao longo da vida, plataformas e arquitecturas de teleaprendizaxe ou MOOSs e SPOCs.

Máis de 430.000 membros e máis de 160 países de todo o mundo

O IEEE está estruturado en 39 sociedades e dez consellos técnicos, representando un amplo abano intereses técnicos que engloba antenas, electromagnetismos, comunicacións ou electrónica industrial. Máis de 430.000 membros de 160 países integran o Instituto de Enxeñeiros Eléctricos, que máis aló da organización de conferencias e a publicación de revistas técnicas, tamén é responsable da realización de estándares importantes na sociedade actual como o IEEE 802.11, que permite a conexión inarámica, coñecida popularmente como WiFi.

“A Sociedade de Educación do IEEES decatouse hai anos da necesidade de contar con congresos noutras zonas xeográficas distintas a Norte América e foi así como naceu EDUCON, na rexión 8 do IEEE que cubre Europa, Oriente Medio e África”, explica Llamas, que lembra que a Universidade de Vigo participou como co-sponsor en tres das seis edicións celebradas ata o de agora.