DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita foi inaugurada este venres no Auditorio Municipal

Un congreso internacional reúne máis de 200 persoas para afondar na prevención, tratamento e control do consumo de cannabis

Está organizado pola UVigo, Socidrogalcohol e a Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 24/11/2023

O Auditorio Municipal de Ourense acolle desde este xoves pola tarde e ata o sábado a celebración do IV Congreso internacional sobre prevención, tratamento e control do consumo de cannabis. A cita, na que están inscritas ascende a 210 presenciais e 115 on line, está organizada pola Universidade de Vigo (Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade); por Socidrogalcohol (Sociedad Científica Española de Estudios sobre el Alcohol, el Alcoholismo y las otras Toxicomanías) e a Xunta de Galicia (Consellaría de Sanidade), contando coa colaboración e patrocinio doutras entidades.

A cita preséntase como “unha iniciativa científica que pretende aglutinar a profesionais sanitarios, do ámbito xudicial e da educación, estudantes das ramas socio-sanitaria e todas aquelas persoas interesadas en dar unha resposta aos problemas derivados do consumo de cannabis". Na súa inauguración este venres participaron Manuel Isorna, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense; Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia; Francisco Pascual Pastor, presidente de Socidrogalcohol; Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense; e Joan Ramón Villalbí, delegado do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas (Ministerio de Sanidad).

Seminarios, mesas redondas e conferencias

Neste congreso, presidido por Carmen Durán e Manuel Isorna, abórdase a través de diferentes seminarios, mesas redondas e conferencias que teñen lugar no auditorio municipal e no propio campus de Ourense, a prevención, o tratamento e o control do consumo de cannabis, contando coa participación dun amplo panel de especialistas. Nel tense especialmente en conta a perspectiva de xénero, “tentando evitar o androcentrismo tan habitual no estudo das condutas aditivas” e o consumo e as súas consecuencias sobre o cerebro e o estilo de vida na adolescencia. “Este congreso pretende ser un lugar de traballo e intercambio de saberes e de respaldo, que poida ser tamén útil a todas aquelas persoas cunha responsabilidade educativa directa, a quen realiza actividades de voluntariado con poboación xuvenil e a quen exercer postos de responsabilidade civil nas administracións”, sinalan desde a organización.

O cannabis, lembran desde o congreso, continúa sendo a substancia ilegal máis consumida tanto en España como no conxunto dos países da Unión Europea. En 2020, detallan, aproximadamente 591.798 persoas de 15 a 64 anos tiveron un consumo problemático de cannabis, o que se corresponde co 1,9% de toda a poboación desa franxa de idade, sendo maior a porcentaxe entre os homes (3%) que entre las mulleres (0,9%) e entre os menores de 34 anos (3,4%) que entre os maiores desta idade (1,2%), segundo datos OEDA de 2022. Respecto a Galicia apuntan cifras tales como que o 28,9% do alumnado (14-18 anos) consumiu cannabis algunha vez na vida e o 23,7% no último ano, datos lixeiramente por riba dos obtidos a nivel estatal. Tamén, engaden, obsérvase un consumo problemático de cannabis do 17,3% entre os estudantes que consumiron dita substancia no último ano en Galicia (17,8% en España).