DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con máis de 180 comunicacións e 170 participantes

O Congreso Nacional de Investigación Enolóxica reforza a aposta da Universidade polas ciencias e tecnoloxías agroalimentarias

A conferencia inaugural foi ofrecida por José D. Posada, presidente de Marrón Glacé

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 03/06/2009

Científicos e empresarios do ámbito da enoloxía e a viticultura reúnense dende este mércores e ata o venres na Facultade de Ciencias para falar do presente e futuro deste sector no X Congreso Nacional de Investigación Enolóxica. Ao longo destes tres días desenvolveranse as sesións nas que se analizarán os horizontes da enoloxía e a transferencia tecnolóxica e achegaranse as últimas novidades científicas no eido, entre outros temas.
No acto inaugural que se celebrou hoxe, tanto Elena Falqué como Carmelo García, ambos coordinadores das xornadas, coincidiron en sinalar o éxito do congreso, “contamos con máis de 180 comunicacións de temáticas diversas e 170 persoas inscritas”, dixo Falque. Na súa opinión estas cifras amosan “a consolidación dun congreso que mellora o coñecemento científico e facilita a colaboración empresarial”. Pola súa banda, García apuntou que Ourense “é unha contorna ideal para a celebración deste congreso, xa que conta con moitas denominacións de orixe, ademais é un referente dende o punto de vista da calidade do produto”.
Segundo o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, grazas ao congreso “Ourense reforza estes días o seu carácter histórico de plataforma mundial de difusión da técnica e a cultura enolóxica”. Por iso para Rodríguez foi todo un pracer “darvos a benvida á cidade que ten no viño o sangue da súa historia”. O alcalde rematou “animando aos participantes a aproveitar o máximo posible as xornadas e as oportunidades que nos ofrece o pasado, presente e futuro dunha enoloxía sen fronteiras”.
Para Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo, este congreso é moi importante, xa que “as ciencias e as tecnoloxías agroalimentarias constitúen unha aposta estratéxica básica para esta Universidade en termos de I+D”. Por último, engadiu o reitor, este campus xoga “un papel moi importante porque ten como obxectivo convertese nunha referencia de I+D nese eido”.

Sesión inaugural

Tras o remate da cerimonia de apertura deron comezo as primeiras conferencias do congreso que tiveron como eixo o viño e a gastronomía galegos e a madurez fenólica.
José D. Posada, presidente de Marrón Glacé, foi o encargado de pronunciar o relatorio inaugural coas súas “ideas e reflexións de vello guerrilleiro da enoloxía e a gastronomía”. Ao longo da súa intervención, Posada abarcou tres apartados: “o viño e gastronomía de Galicia e a harmonía, maridaxe e convivencia en termos de pasado presente e futuro”. Comezando pola prehistoria, avanzando pola Idade Media, o século XIX e ata actualidade, o conferenciante fixo un repaso á evolución dos viños. Nese sentido destacou que “todos os viños interesantes do mundo creounos a demanda inglesa aínda que nos pese”. Posada apuntou tamén que “Galicia sempre foi unha boa zona de viños, pero podemos mellorar a súa calidade”. No tocante á recuperación das variedades autóctonas manifestou estar a favor, “sempre que se seleccionen só as realmente boas, deixando de lado o chauvinismo”.
Tras a intervención de Posada celebrouse unha sesión póster e a continuación Luisa González e Esperanza Valdés falaron da madurez fenólica. A vitivinicultura en Galicia e as ferramentas xenómicas en relación con este eido, centran as sesións da tarde.